A imaxe e o son ambiente conducen a ‘Ruta a modiño por…’ a amosar as urbes galegas baleiras polo confinamento

0
13

Santiago, 28.03.2020.-  Televisión de Galicia estrea esta noite, despois de ‘Bamboleo’, ‘Ruta a  modiño por…’ (00.20 h), programa que percorrerá as sete principais cidades galegas, tanto os seus núcleos urbanos como as aforas, para amosar a imaxe única e impactante das rúas baleiras de xente, que trae consigo o confinamento por mor da pandemia polo COVID-19, e, ao mesmo tempo, abriralle unha fiestra á audiencia da Galega para que vexa o que está pasando nas súas urbes.

Esta nova proposta, que se ofrecerá en días sucesivos na TVG e na G2 na faixa nocturna, pertence ao xénero da ‘slow tv’ e realizarase cada xornada, cunha cámara autónoma, un coche e só co son ambiente, sen montaxe, nin locucións, nin música nin outros recursos narrativos. O propósito do programa é lograr un percorrido en primeira persoa co que o espectador, liberado de todos os recursos televisivos que poñen distancia co espectador, identifique a súa visión co obxectivo da cámara.

En cada un dos programas, de xeito monográfico, percorrerán unha das cidades galegas, desde as súas contornas ata os seus centros neurálxicos, para ollar en primeira persoa como os galegos están a responder de maneira responsable ao confinamento decretado polas autoridades. O percorrido audiovisual comeza esta fin de semana polas cidades de Vigo e A Coruña.

Con ‘Ruta a modiño por…’ regresa a ‘slow tv’ ou ‘televisión a modiño’ á TVG, tras as experiencias de ‘Destino Santiago’, programa co que os medios públicos galegos foron pioneiros en introducir en España este formato de éxito, implantado pola canle pública norueguesa NRK en 2009, e do que na Galega ofrecéronse dúas temporadas.

Fuente Crtvg.es