A inconfundible voz de Sole Giménez soará esta noite no ‘Bamboleo’, onde presentará o seu novo disco e o tema que compuxo durante o confinamento

0
21

Santiago, 21.11.2020.-  ‘Bamboleo’ (22.05 h), o programa de entretemento presentado por Xosé Manuel Piñeiro, chega esta noite puntual á súa cita dos sábados na Televisión de Galicia. Nesta ocasión visita o espazo musical unha muller emblemática no mundo da música, que leva vendido millóns de discos con Presuntos Implicados e que agora triunfa coa súa carreira en solitario: Sole Giménez.

‘Mujeres en la música’ é o título do último disco da artista, un álbum en que homenaxea grandes compositoras latinas. Esta noite, Sole interpretará algunhas das cancións que se recollen neste último traballo, ademais dun fantástico tema que compuxo durante o confinamento, ‘Todo pasará’, un canto de esperanza e optimismo. A artista tamén participará dos momentos máis divertidos da noite, nos xogos e divertimentos que lle proporán os colaboradores do programa.

Os ritmos brasileiros e africanos encherán o estudio de ‘Bamboleo’ da man de Marcinho e a súa proposta: Mestura Brasileira. ‘Tchay Mangá’ é o título do tema que o cantante brasileiro asentado en Meicende presenta esta noite no programa.

Pola súa parte, a orquestra Barahona traerá un espectáculo moi bailable, en que manteñen a esencia da verbena. No ‘Dirtidansi’, a parella de baile de salón formada por Jacopo e Patricia realizarán dúas exhibicións de samba e valse vienés.

Os dous participantes do ‘Agora ou Nunca’, Susana Escobar e Antonio Monterroso, amosarán as súas habilidades como cantantes cos temas ‘Vas a quedarte’, de Aitana, e ‘Torito guapo’, de El Fary.
    
No karaoke da ‘Jrileira’, cantarán as representantes de dous clubs deportivos: Irene, polo Club Hípico A Estivada de Outes, e Fely, polo Club de Patinaxe Alquimia de Carral e Cambre. Interpretarán ‘La bamba’, de Los Lobos e, ademais, coa axuda de cadanseu compañeiro de club, terán que adiviñar intérpretes. Ademais, na ‘ITV do Amor’, Gabriel e a súa parella intentarán confundir un participante do público para conseguir o premio.

Fuente Crtvg.es