A Liga ACT chega esta fin de semana a Galicia para a disputa da VI Bandeira Cidade da Coruña, que os medios públicos galegos transmitirán en directo

0
9

Santiago, 08.07.2022.-    Nova fin de semana de traiñeiras na Liga ACT, que nesta ocasión chega a augas de Riazor coa disputa, en dúas xornadas, da VI Bandeira Cidade da Coruña, e alí estarán os medios públicos galegos para transmitir en directo todas as regatas desta competición.

A primeira cita será o sábado, cando se disputará, a partir das 18.00 h, a regata feminina, proba puntuable para a Liga Euskotren. A quenda das traiñeiras masculinas da Liga Eusko Label será ás 18.30 h. A Bandeira da Coruña continuará o domingo, con senllas probas ás 17.30 e ás 18.00 h. As xornadas puntuarán por separado, pero a suma dos tempos dos dous días dará o gañador do torneo.

Tras a disputa das dúas primeiras xornadas da Liga ACT, Cabo de Cruz e o Club de Remo Ares, os dous representantes galegos nesta competición da elite do remo na modalidade de banco fixo, ocupan, respectivamente, a oitava e a penúltima posición na clasificación xeral.

Ademais, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán o domingo, ás 17.30 h, a Bandeira Concello de Rianxo, nova regata da Liga Galega de Traiñeiras, en que competirán unha ducia de tripulacións divididas en tres quendas. A proba feminina, a III Bandeira Cortizo – Rianxo, comezará ás 17.00 h e tamén será transmitida en directo.

Á marxe das traiñeiras, outra disciplina deportiva que será protagonista na oferta desta fin de semana é o fútbol gaélico, que regresa pola porta grande este verán á canle pública galega, xa que durante todo o mes de xullo transmitiranse os encontros das fases finais do All-Ireland e da Eurocopa de seleccións.

As transmisións comezan cos dous encontros de semifinais masculinas do All-Ireland, o evento máis importante deste espectacular deporte amateur, en que participan as seleccións de cada un dos 32 condados irlandeses. O sábado ofrecerase o Galway-Derry (20.15 horas) e, o domingo, o Kerry-Dublín (20.00 horas).

Fuente Crtvg.es