A Liga ACT de traiñeiras comeza esta fin de semana nos medios públicos galegos

0
15

Santiago, 01.07.2022.-    As traiñeiras serán esta fin de semana as protagonistas absolutas na oferta deportiva dos medios públicos galegos, que ofrecerán en directo a xornada inaugural da Liga Eusko Label e Euskotrén da ACT. Ao igual que en edicións pasadas, a G2 e a páxina web da CRTVG achegarán este verán todas as regatas que se desenvolvan na máxima competición do deporte do remo, que este sábado comeza en Bilbao.

Da ducia de embarcacións que participan na Eusko Label, dúas son galegas: Cabo de Cruz e Ares; mentres que no ámbito feminino non haberá representación galega. Entre os 12 clubs participantes na competición, a novidade é a de Getaria, que competirá por primeira vez na súa historia na máxima categoría.

A temporada divídese en 20 xornadas, en que se decidirá quen é o campión desta edición e as embarcacións que disputarán os play-off, que terán lugar en Bermeo e Portugalete os días 17 e 18 de setembro.

O tiro de saída darao o sábado, ás 17.40 h, a regata feminina da Bandeira de Bilbao, coas catro traiñeiras da Liga Euskotren disputando unha contra o reloxo que suporá a estrea de Tolosaldea na competición. Ás 18.15 h tomarán a saída as traiñeiras masculinas, divididas en tres quendas de catro embarcacións cada unha.

O domingo, a ACT trasládase a augas guipuscoanas co Bandeira de Donostia, outra das citas imprescindibles do calendario. Ás 11.40 h disputarase a regata feminina e ás 12.15 h comezará a masculina.

A fin de semana rematará con fútbol, coa final da Copa da Costa, que disputarán o Fisterra e o Esteirana a partir das 19.00 h en Santa Comba, e que os espectadores poderán ver pola segunda canle da Galega.

Fuente Crtvg.es