A Liga ACT de traiñeiras remata xullo e comeza agosto na G2 coa disputa da Bandeira de Bilbao e da Ikurriña de Santurtzi

0
8

Santiago, 30.07.2021.-    A Liga ACT de traiñeiras e o Mundial de Motocrós volverán acaparar esta fin de semana a oferta deportiva da segunda canle da Televisión de Galicia, que ofrecerá en directo as correspondentes citas de ambas as dúas competicións.

As ligas Eusko Label e Euskotren continúan a folla de ruta marcada no calendario e este sábado chegan á ría de Bilbao para poñerlle fin ao primeiro mes de competicións cunha regata, a Bandeira de Bilbao, que se disputará en formato contra o reloxo. As catro tripulacións femininas sairán cun minuto de diferenza, ao igual que as traiñeiras masculinas, divididas en tres quendas de catro tripulacións. A proba feminina retransmitirase ás 17.50 h e a masculina, a partir das 18.15 h.

E, xa o domingo, a localidade biscaíña de Santurtzi daralle a benvida ao mes de agosto coa disputa nas súas augas XLII Ikurriña de Santurtzi. Esta décima xornada comezará ás 11.40 h coa regata da Liga Euskotren e, a partir das 12.00 h, será a quenda da Eusko Label Liga. Será unha regata especial, xa que en ambas as dúas competicións realizaranse catro longos e tres ceavogas, pero, no caso da proba masculina, os longos non terán a mesma distancia. Nesta última, a traiñeira local sairá a defender o seu posto de líder e tratará de conseguir a súa bandeira e acadar así a terceira vitoria da temporada.

Pola tarde, a partir das 16.00 h, os espectadores da G2 poderán seguir en directo a segunda carreira do Gran Premio de Flanders-Bélxica, sexta proba puntuable para o Mundial de Motocrós, que se disputará en Lommel. Na pasada xornada, no GP da República Checa, o piloto galego Jorge Prado conseguiu a primeira vitoria da temporada é xa é terceiro en MXGP.

Fuente Crtvg.es