A Liga Asobal, a Bandeira da Concha 2020 e o Mundial de Motocrós, protagonistas esta fin de semana na G2

0
9

Santiago, 11.09.2020.-    Esta fin de semana, os afeccionados e afeccionadas ao deporte estarán acompañados pola G2, que ofrecerá, en directo, a oitava proba de MXGP, correspondente ao Campionato do Mundo de Motocrós, a segunda xornada da Bandeira da Concha e o partido da liga Asobal entre o Cangas e o Cisne. 

O sábado, a partir das 17.00 horas, a segunda canle da Galega estará no Pavillón Municipal do Gatañal, para retransmitir o derbi entre o Cangas Frigoríficos do Morrazo e o Dicsa Modular Cisne, correspondente á cuarta xornada da Liga Asobal de balonmán. Os pontevedreses perderon 27-21 no seu debut ligueiro ante o Granollers. Tamén foron derrotados os do Morrazo, 22-35 co Bidasoa Irún.  

A cita do domingo comezará ás 10.00 horas na G2, coa retransmisión da segunda xornada da edición feminina da Bandeira da Concha 2020. Na primeira xornada, Orio venceu as demais remeiras, seguida de Donostiarra e Arraun Lagunak. Ás 11.00 h, será a quenda das embarcacións masculinas, en que Hondarribia leva a vantaxe por diante de Zierbena e Santurtzi, mentres Cabo conseguiu a sétima posición.

A partir das 13.00 horas e ás 16:00 h, os afeccionados ao deporte de motor gozarán da terceira proba consecutiva do Mundial de Motocrós en Italia, o MXGP Emilia Romagna, e serán testemuñas deste espectáculo internacional que se celebrará en Faenza, no Circuíto Mundial de Motocrós Montecoralli. O lucense Jorge Prado, campión do mundo de MX2 en 2018 e 2019, conseguiu a súa primeira vitoria da categoría raíña do motocrós na proba disputada este mércores no Circuíto de Motocrós Montecoralli e actualmente ocupa a sétima praza na clasificación xeral de MXGP, con 197 puntos. Pola súa parte, o piloto holandés Jeffrey Herlings mantén o liderado da competición, con 263 puntos. 

Fuente Crtvg.es