A liga feminina de fútbol sala e a Segunda B galega centran estes días a oferta deportiva da G2

0
10

Santiago, 15.01.2021.-    O fútbol será protagonista esta fin de semana nas retransmisións deportivas da segunda canle da Galega, tanto sobre o céspede coma na cancha, xa que a atención estará posta na décima xornada da Segunda B galega e na liga feminina de fútbol sala.

A primeira cita será o sábado ás 16.30 h, cando se disputa no Estadio Municipal Vero Boquete de Santiago o S. D. Compostela-Unionistas de Salamanca C. F. O equipo charro defenderá o seu liderado ante un conxunto que chega a este encontro coa intención de mellorar o seu rendemento no campionato, tras asinar un empate contra o Zamora no seu último partido.

A continuación, ás 18.30 h, será a quenda da Primeira División feminina de fútbol sala, co derbi entre o Viaxes Amarelle F. S. e o Ourense C. F.

Xa o domingo, a xornada matinal estará centrada no partido entre o Celta B e o Guijuelo, que está previsto para as 12.00 h. Este encontro está pendente dunha posible suspensión por un positivo por coronavirus no conxunto castelán. De ser así, a G2 ofrecería en directo o U. D. Somozas-Agrupación Estudiantil de Terceira División.

Pola tarde, no programa ‘A Liga das Cidades’, os espectadores poderán ver, a partir das 17.00 h, o duelo entre o Pontevedra e o Rácing de Ferrol. O conxunto granate comeza a segunda volta recibindo o seu inmediato perseguidor na táboa e co obxectivo de volver á senda da vitoria, que non coñece desde o 22 de novembro, cando se impuxo ao Salamanca. A Pasarón chegará o equipo que máis acerto ten de cara ao gol e que conta entre as súas filas con Elsinho, un dos maiores goleadores do grupo.

Fuente Crtvg.es