‘A miña familia pola túa’ intercambia esta semana as vidas dun rapaz obsesionado co fútbol e un home ao que tanto lle ten o deporte rei

0
87

Santiago, 10.03.2021.-     Unha familia obsesionada co fútbol e outra á que o mundo futboleiro tanto lle ten deberán intercambiar os seus campos de xogo ao longo dunha semana nunha nova entrega do programa ‘A miña familia pola túa’, que comezou a semana pasada a súa segunda temporada na TVG.

Abdón é músico e vive en Corrubedo coa súa nai, Paquita. Na casa da costa teñen auténtica devoción polo Celta de Vigo. O rapaz é presidente dun club de seareiros e, cada vez que o equipo xoga en Balaídos ou fóra, aí está el para darlle folgos. A familia ten o sangue celeste e o corpo con ganas de troula. Se hai unha festa na vila, de seguro que eles andan polo medio. O mar tira de Abdón tanto como o seu ‘Celtiña’ e, polo tanto, o interior e os animais de granxa poden ser unha tortura. Algúns soños cúmprense, e os pesadelos? Poderá convivir cunha xente que sente indiferenza polo fútbol? Apagarase a súa paixón ou será quen de contaxiárllela aos outros?

Pola súa parte, Manolo vive coa muller e dúas fillas en Castroverde, Lugo. O seu mundo son as vacas e o monte. Os deportes, en xeral, e o fútbol, en concreto, espertan pouco interese nesta familia. Prefiren verbena e tradición para empregar o tempo de ocio. Este lucense non entende de praia nin de sol e abandonar máis dun par de días a súa contorna supón unha perda de tempo. Para el o azul só é a cor do ceo os días que está despexado e o gando pasta as súas anchas polo prado. Poderá poñerse na pel do outro? Aguantará tanto tempo lonxe dos seus? Meterá gol ou mirará o partido dende a bancada?

Que pasara no momento que muden as normas? Adaptaranse ambas as dúas familias a vivir baixo unhas regras que nada teñen que ver coas súas?

Fuente Crtvg.es