‘A miña familia pola túa’ intercambia unha moza reservada coa súa vida privada e outra dependente das redes sociais

0
19

Santiago, 05.05.2021.-  Unha familia tradicional e reservada coa súa vida privada, a outra tecnolóxica e presente nas redes sociais. Así serán as protagonistas desta semana do programa ‘A miña familia pola túa’ (22.25 h). Ao longo sete días, dúas mulleres intercambiarán as súas vidas e terán que poñerse na pel da outra.

Carlota ten 19 anos e é de carácter tímido. Iso non impide que viva cos seus pais e o mozo no fogar familiar de Pardemarín, na Estrada. A rapaza, caseira e protexida, goza cos cabalos, as motos, a caza e a liberdade do rural. A súa vida non precisa de likes nin de coberturas móbiles. Non entende os sacrificios e disciplinas da beleza e a posibilidade de ter que coidar dalgún cativo cáusalle espanto. Como sobrevivirá nunha casa con tres nenas? Será quen de emular a vida dunha experta en cosmética? Enfrontarase a un piso como se fose o cárcere?

Pola súa parte, Vanessa é a luz de Becerreá. Ten tres fillas e un home ao que namorou tanto que foi tras dela a Cataluña. É faladora, divertida, coqueta e virtuosa da cosmética. Traballa desde a casa, atendendo pedidos por teléfono e ofrecendo consellos de beleza, a través de Internet, ás clientas que van medrando por medio mundo. O seu modelo de negocio non existiría sen as novas tecnoloxías e, para ela, un seguidor máis é tan preciso como a auga da billa. Poderá vivir sen wifi? Renunciará a pintar os beizos cando teña que apañar herba? Alguén da aldea entenderá ao que se dedica? Daralle ‘gústame’ aos seus anfitrións ou deixará de seguilos definitivamente?

Fuente Crtvg.es