A música celta é protagonista este martes do magazine ‘A tarde’, en directo, desde o Festival de Ortigueira

0
10

Santiago, 11.7.2022.-  O magazine ‘A tarde’ da Radio Galega leva os seus micros este martes ata Ortigueira, onde se está vivindo durante toda esta semana a edición máis longa do afamado festival internacional de música folk, que leva 42 anos reencontrándose coas raíces e a música celta. Desde o fermoso Teatro de Beneficencia, o presentador Antón Rebollido achegará o programa de actividades e variadas propostas deste ano e conversará con algúns dos protagonistas do presente Festival de Ortigueira.

Tras dous anos de suspensión pola pandemia, a emisora pública apoiará esta nova cita do evento falando da destacada oferta artística que os asistentes poden atopar ata o próximo domingo 17. Así, das 16.00 ás 19.00 horas, polo programa radiofónico pasarán os tres grupos da xornada: o salmantino Folk on crest; o galego Batea e o madrileño JDC –Jesús del Castillo-. Todos eles, finalistas do Concurso Runas, a plataforma coa que o certame promove ducias de artistas noveis desde o ano 2000. Tamén participarán no espazo distintos músicos das bandas de gaitas de Ortigueira.

‘A tarde’, que nesta edición especial contará coa colaboración da avogada Ana Camiño e do experto en Tráfico e Seguridade Viaria Maximino Pérez, interesarase pola organización do festival, co seu director Alberto Balboa; polas repercusións que ten na localidade, co seu alcalde, Juan Vicente Penabad, e polo abano de produtos artesanais que se poden adquirir na zona.

Nesta edición do certame, declarado de Interese Turístico Internacional, os afeccionados á música celta poden gozar de máis de corenta artistas de renome, entre os que se atopan os escoceses Wolfstone, Red Hot Chilli Pipers, Luar na Lubre, Tanxugueiras, Baiuca, Talisk, Susana Seivane e Covagueira.

Fuente Crtvg.es