A música de Azúcar Moreno e Milladoiro e o mellor humor galego, propostas destacadas no ‘Luar’ deste venres

0
10

Santiago, 04.12.2020.-  Comeza o mes de decembro en ‘Luar’ (22.00 horas) coa arte das irmás Encarna e Toñi Salazar. As Azúcar Moreno regresan ao escenario do musical da Galega para presentar os primeiros sinxelos do seu novo disco, El secreto. Esta noite gozarase, amais, da riqueza artística e da veteranía que ofrece en cada unha das súas actuacións Milladoiro, un dos grupos de música celta máis valorados tamén internacionalmente. Será unha edición en que haberá música variada, o mellor humor galego e onde Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez intentarán que algún espectador sexa quen de facerse cos 10.500 euros do bote do concurso telefónico.
    
A música galega seguirá soando no programa nas intervencións da agrupación folclórica Ximiela, da Banda de Música de Meaño e das ex recanteiras A China e Leshka, e nas propostas divertidas da orquestra Los Player’s, de Ferrol.

Sen dúbida, o humor será outro dos pratos fortes deste venres. Somos Criminais, dúo formado por Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, e Os Tristes, con Federico Pérez e Marcos Pereiro, proporcionarán os momentos máis divertidos da noite.

Por outra parte, no certame de novos talentos ‘Recantos’ competirán Yago Martínez, de terras de Pontevedra, e Lidia Sueiro, en representación de terras de Ordes. Completan o elenco de convidados o epidemiólogo e profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Juan Gestal, que responderá todas as dúbidas e consultas que formule a audiencia, e o luthier e músico Pablo Carpintero.

Fuente Crtvg.es