A música de David DeMaría e de Helena Bianco soará esta noite no escenario de ‘Luar’

0
13

Santiago, 06.11.2020.-  O programa ‘Luar’ (22.00 h) recibirá hoxe a visita de David DeMaría, un dos autores e compositores máis respectados do panorama musical nacional, cunha carreira de máis de dúas décadas, dez álbums editados e máis dun milleiro de copias vendidas. ‘Capricornio’ é o nome do seu novo traballo, un disco dedicado á astroloxía, con once novas cancións en que o músico se deixou influír polo seu fillo.

No escenario estará tamén a cantante Helena Bianco, solista do lendario grupo dos anos 60 e 70 Los Mismos. Cunha traxectoria chea de éxitos, na súa voz soaron algúns dos temas máis emblemáticos da música española.    

Ademais, o espazo da TVG contará coa presenza de Leilía, popular grupo galego de seis voces femininas que cantan e tocan música tradicional coa pandeireta e que leva máis de 30 anos recuperando do esquecemento a tradición oral galega.

As actuacións musicais deste venres complétase co grupo Os Tristes, formado polos coñecidos actores Marcos Pereiro e Federico Pérez, a orquestra Los Satélites, a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos e a Banda de Música A Lira de Ribadavia, unha das máis antigas de Galicia.

Por outro lado, esta semana dispútase a segunda semifinal de Vai de Regueifa, que disputarán Yessica Antón e A Rabela, mentres que no concurso Recantos enfrontaranse Nancy Fernández, procedente das Terras do Eume, e Miki, representante de Portugal norte.

Fuente Crtvg.es