A música de De Vacas, que rescata grandes temas cun formato fresco e divertido, protagonista en ‘Galicia Emerxe’

0
11

Santiago, 24.11.2021.-    De Vacas, a formación galega que fixo de ‘Amodiño’, versión do popular ‘Despacito’ de Luis Fonsi, un éxito en toda España, é hoxe a formación convidada no escenario do ‘Galicia Emerxe’, o ciclo de concertos que se ofrece cada mércores na segunda canle da Galega.

O grupo é un cuarteto musical de guitarra, a de Guillerme Fernández, e tres voces, as de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, que versionan grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. De Vacas consegue causar sensación con eses temas que rescatan para todos os públicos cun formato fresco e divertido co que reír e emocionarse a partes iguais.

Movéndose entre o melódico e a retranca, De Vacas mestura música, ironía, humor, frescura, talento e creatividade a raudais. Con harmonías cálidas e guitarra colorida, luces e coidada posta en escena, seguen amosando a súa querencia por autoras como Marta Sánchez, Rosalía de Castro ou Enrique Iglesias e afondan en temáticas de corte social, como é o caso da canción ‘Esmegma’ ou a composición propia ‘Tetas ao ar María del Mar’.

As grandes referencias da adolescencia latexan de fondo nos seus influxos musicais e consideran que son unha fonte inesgotable de creación que queren seguir explotando. Unidos aos grandes xites como o ‘Amodiño’ ou o ‘Noite e día’, recementemente aparecen no seu repertorio temas que dan resposta a novas inquedanzas como é o caso de ‘El anillo pa’cuando?’ ou ‘Rexurdimente’, dos que tamén fixeron vídeos, outro dos seus fortes, acadando milleiros de visualizacións en Internet.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola G2 e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es