A música de ‘Luar na Lubre’ chega este mércores ao ciclo de concertos da G2 ‘Galicia Emerxe’

0
1

Santiago, 07.04.2021.-     A música celta de ‘Luar na Lubre‘ irrompe esta noite dentro do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que ofrece a G2 a partir das 23.25 h. O grupo ofrecerá algúns dos temas cos que levan percorrendo parte do planeta desde a súa fundación en 1986.

Cun proxecto baseado fundamentalmente nas melodías de raíces galegas, ‘Luar na Lubre’ enfócase desde a óptica de entender que a música é un dos factores culturais máis importantes para a afirmación do dereito á diferenza enriquecedora do pobo galego. Nada na cidade da Coruña, sitúase como unha das formacións máis prometedoras e referenciais da música propia, así como unha das bandas máis internacionais de Galicia.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es