A música de Sergio Dalma e o humor de Touriñán e David Amor, protagonistas no ‘Luar’ deste venres

0
22

Santiago, 15.10.2021.-   ‘Luar’ (21.55 h) volve este venres cun variado elenco de artistas e con sorpresas nos seus contidos para toda a audiencia da Galega. Esta semana, a comarca protagonista será a do Baixo Miño e, como convidados especiais, o espazo contará coa presenza de Praxíteles González ‘Telis’ e José Álvarez ‘o Buraco’, en representación dos cabaqueiros, que farán unha demostración do seu centenario oficio, o de facer tellas.

No apartado musical, Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández recibirán no estudio un amigo do programa, Sergio Dalma, en plena celebración dos seus 30 anos de carreira cun novo disco ’30… y tanto’.

Tamén darán boa conta da súa música a orquestra pontevedresa Los Coleguitas; as agrupacións folclóricas Xamaraina, da Guarda, e Cantigas e Frores, de Lugo; os gaiteiros Os Terribles de Arousa; o tamén gaiteiro Carlos González ‘Siri’, que participou no Got Talent do Uruguai, e Noelia Solleiro, a gañadora do concurso da Canción do Verán da CRTVG co seu tema ‘Vive Galicia’.

Nesta temporada en que ‘Luar’ celebra os seus trinta anos de éxitos na TVG, destacados monologuistas ofrecen a súa visión cómica sobre o programa. Hoxe, será a quenda de Xosé Antonio Touriñán e David Amor, dous grandes do humor.

No concurso ‘Recantos’ hoxe enfrontarase Celtia Buján, de Terras de Lugo, con Iván Pérez, de Ourense Sur. O xurado estará integrado, nesta ocasión, por Laura Añón, da orquestra Finisterre, o actor e cantante Christian Escuredo e Manuel Andrade. E no concurso telefónico estarán en xogo 3.000 euros.

Fuente Crtvg.es