A nosa ficción é protagonista o luns á noite na TVG, cun maratón da serie ‘Saudade de ti’ e a emisión dun filme galego

0
61

Santiago, 15.8.2022.-  A ficción galega será a protagonista da programación da Televisión de Galicia cada luns coa emisión dun maratón de novos capítulos da serie deste verán, ‘Saudade de ti’ (22.30 h), que irá seguida da proxección dunha longametraxe galega, participada pola TVG e  incluída no ciclo ‘Quero ver unha peli contigo’.

Os espectadores afeccionados a ‘Saudade de ti’ están de parabéns, xa que cada luns poderán ver unha tripla entrega de novos episodios da serie, cuxa oferta comeza hoxe con Noa, que continúa á busca do seu pai. Na lista só queda un Francisco e ten todas as papeletas para ser o seu pai. Brais e a rapaza farán todo o posible para atopalo e falar con el. Parece tarefa imposible ata que entra na ecuación alguén que non é moi ben recibido por Brais: Gorka, o mozo de Noa.

Na consulta, Santi descúlpase despois da abrupta reacción de Celia ao transmitirlle a mensaxe de Gaspar. Desde logo, á médica non lle gustou nada escoitar o nome de Garay e pensa adiviñar que é o que pretende Gaspar. O enfermeiro non pode esquecer todo o asunto sen máis, ten que descubrir a que vén tanto segredo…

Pola súa parte, o matrimonio Eiroa non pasa polo seu mellor momento. A Dimas tócalle durmir no bar,  debido ao cabreo de Teresa por agocharlle que hipotecou o bar para repoñer os cartos que roubou Uxía. E por último, Celia fala con Raúl para que interceda por ela no caso de que Adela decida denunciala por incumprir o segredo profesional.

Ao remate da emisión de ‘Saudade de ti’, a Televisión de Galicia achegará esta noite o filme galego ‘Vacas, porcos e zapatos de tacón’ (00.15 horas), unha comedia familiar dirixida por Manuel Espiñeira, cun reparto que reúne os actores galegos Antón Durán ‘Morris’, Luisa Merelas, Belén Constenla, Mariana Expósito, Guillermo Carbajo, Déborah Vukusic, Carlos Sante, Tatán, Pepe Penabade, Susana Dans, Rubén Mascato, Daniel Currás, Uxía Blanco, Álvaro Guevara, Xan Cejudo, César Cambeiro, Fernando Morán e Alberto Rolán.

‘Vacas, porcos e zapatos de tacón’, película para televisión participada pola TVG, conta a historia dunha familia mexicana, descendente de galegos, que recibe a noticia do falecemento do avó. No seu testamento, o emigrante expón dúas curiosas condicións para que os seus descendentes poidan acceder á súa incalculable herdanza: deben facerse cargo do seu maior tesouro, a súa cadeliña Lupita; e regresar á granxa familiar en Riocaldo, en Galicia, poñela en marcha e lograr unha colleita en tempo marca. A familia, afeita ás comodidades dunha vida urbanita e dun alto poder adquisitivo, non terá máis remedio que aceptar o reto.

Fuente Crtvg.es