A película 'Longa noite', participada pola CRTVG, premiada no Festival de Locarno

0
3

Santiago, 19.08.2019.- O cineasta galego Eloy Enciso recibiu o Boccalino D’Oro ao Mellor Director na 72 edición do Festival de Locarno polo filme ‘Longa noite’, participado pola CRTVG. A Asociación de Crítica de Cine Independente, que outorga dito galardón, considerou que ‘Longa noite’ é un filme ‘indispensable, que afonda nas dobras da memoria e da historia’. 

A produción conta a historia de Anxo, un home que nos tempos da posguerra volve á súa casa no interior de Galicia e descobre como o conflito bélico mudou as relacións entre as persoas. É unha viaxe ao pasado na cal Eloy Enciso explora os fundamentos do fascismo e dá unha imaxe da sociedade galega da época. 

Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Celsa Araújo ou Manuel Pumares son algunhas das persoas que dan vida ás personaxes desta longametraxe, que foi rodada nas provincias de Lugo e Pontevedra e que está inspirada en textos de Max Aub e Luís Soane, entre outros. 

Tras este recoñecemento no Festival de Locarno, ‘Longa noite’ vai participar tamén na 44 edición do Festival de Toronto dentro da sección Wavenlenghts e na 57 edición do Festival de Nova York dentro da sección Projections. 

Ambientada na Galicia da posguerra, a película está producida por Fílmika Galaica e contou co apoio da Universidade de Harvard, Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Deputación da Coruña e o concello de Pontevedra, ademais do da Televisión de Galicia.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here