A película ‘O home e o can’, participada pola TVG, inaugura o Festival Internacional de Cine de Ourense

0
13

Santiago, 23.09.2022.-    A película ‘O home e o can’, dirixida por Ángel de la Cruz e participada pola Televisión de Galicia, estrearase este venres na xornada inaugural da XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). O director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, asistirá ao acto de inauguración do festival, que se desenvolverá ata o 1 de outubro. Ademais, o espazo da Radio Galega ‘Diario Cultural’ emitirase o martes 27 desde o OUFF, para dar conta de toda a actualidade do seu programa de proxeccións e actividades.

No marco do festival serán tamén estreadas outras dúas producións que contan co apoio dos medios públicos galegos. O domingo (19:30 h) presentarase a película ‘O corpo aberto’, de Ollovivo Producións, nos cines Ponte Vella; e o luns (19:30 h, Teatro Principal) terá lugar a estrea do primeiro capítulo da serie ‘Motel Valkirias’, unha coprodución de CRTVG, RTP e CTV que será emitida pola Televisión de Galicia nesta temporada. Tamén estará dispoñible en HBO.

A cinta ‘O home e o can’, protagonizada por Manuel Manquiña, está producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes co apoio da TVG. Para a rodaxe, levada a cabo integramente na provincia de Ourense, o equipo da cinta converteu a pequena Peago (Cea) na ficticia Noveladumia, a aldea onde o protagonista leva vivindo toda a súa vida, amais de gravar no polígono industrial de San Cibrao das Viñas e en distintas rúas e prazas da cidade ourensá.

Fuente Crtvg.es