A película ‘Olvido e León’, participada pola TVG, inaugurará o 25º Festival Internacional de Cine de Ourense

0
6

Santiago, 22.09.2020.-    A película ‘Olvido e León’, dirixida por Xavier Bermúdez e participada pola Televisión de Galicia, será a encargada de levantar o pano da 25ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que se celebrará do 25 de setembro ao 3 de outubro, na que será a estrea mundial desta longametraxe

O filme, que ten como protagonistas a Marta Larralde e Guillem Jiménez, supón a continuación da trama da galardoada ‘León e Olvido’, que presenta a historia de dous irmáns xemelgos e orfos, un deles con síndrome de Down, unidos e enfrontados por sentimentos moi intensos.

Na secuela desta aclamada relación de tenrura e realismo, os espectadores coñecerán a evolución da vida destes dous irmáns e onde están na actualidade. Despois de 15 anos, Olvido aceptou que o seu mal non é León, senón poderes que non coñece e que non identifica ben, que tecen como unha araña un cárcere de insatisfacción social e persoal.

A película do cineasta ourensán, director doutros títulos como ‘Nena’, ‘Rafael’ e ‘O ouro do tempo’, rodouse o ano pasado en distintas localizacións da provincia de Ourense e terá a súa posta de longo nun certame que este ano celebra as súas vodas de prata e que, pese ás restricións sanitarias, mantén o seu compromiso de ser un punto de encontro anual para os profesionais do sector en Galicia. Nesta edición, en que se homenaxeará a José Luis Cuerda, o Premio Ourense será para o director Dani de la Torre e o modisto Adolfo Domínguez recibirá a Calpurnia Especial 25 aniversario.

Fuente Crtvg.es