A película ‘Os demos de barro’, participada pola TVG, gaña o Premio á Mellor Banda Sonora Orixinal no Festival Caminhos do Cinema Português

0
38

Santiago, 25.11.2022.-    A coprodución hispano-franco-portuguesa ‘Os demos de barro’, que conta coa participación da Televisión de Galicia, gañou o Premio á Mellor Banda Sonora Orixinal no Festival Caminhos do Cinema Português, polo traballo dos galegos Carlos Guerreiro e Manuel Riveiro. As súas melodías abrirán os actos previos á gala dos Goya 2023 o vindeiro 27 de xaneiro. Polo de agora, o filme conta con 12 candidaturas a estes premios e, como parte da celebración, a Academia interpretará as obras dos compositores gañadores e candidatos aos galardóns.

Esta película de animación, inspirada visualmente na cerámica tradicional portuguesa, conta a historia de Rosa e o seu regreso ás súas raíces e á vida natural do campo e da súa aldea natal. ‘Os demos de barro’ realizouse durante os últimos catro anos entre as cidades de Lisboa, A Coruña, Bilbao e Bordeos.

A produción combina o stop motion coa animación en 2D e conta coas voces de intérpretes galegos como Isabel Naveira, Monti Castiñeiras, Ledicia Sola ou Celso Bugallo. ‘Os demos de barro’ é unha coprodución de Sardinha em Lata (Portugal), Caretos Films A.I.E. (Galicia), Basque Films (País Vasco) e Midralgar (Francia), que conta coa participación da TVG e o apoio de Eurimages, República Portuguesa, ICAA-Ministerio de Cultura, PIC Portugal, Visita Portugal, Ibermedia, Région Sud, Nouvelle Aquitaine e a Xunta de Galicia.

Fuente Crtvg.es