A premiada película ‘León e Olvido’, protagonista de ‘Clac’ este venres

0
12

Santiago, 11.06.2021.- O programa de cinema ‘Clac’ (22.55 h) ofrece este venres ‘León e Olvido’, longametraxe galega coproducida pola TVG e realizada por Xavier Bermúdez en 2004. Previa á súa emisión esta noite na G2, a xornalista e directora do programa, Tania Fernández Lombao, xunto ao experto en cinema dos medios públicos Eduardo Galán, conversará no estudio sobre a cinta co seu director e co músico Coché Villanueva.

A primeira longametraxe na historia do cine español, que está protagonizada por un actor con síndrome de Down, recibiu once premios en festivais internacionais e tres en certames estatais. Entre os destacados, cómpre salientar dous dos premios outorgados no festival Karlovy Vary ao mellor director e actriz; o premio do público en Atenas; o galardón do xurado ao director e á mellor actriz no PÖFF de Estonia e o premio especial do xurado no Festival de Málaga.

Durante o coloquio, Bermúdez conta como foi gravar un filme cunha persoa con síndrome de Down como protagonista. Tamén se escoitará a Marta Larralde, a partir dunha entrevista que fixo para a TVG cando se presentou a segunda parte ‘Olvido e León’.

‘León e Olvido’ desenvolve a historia de dous irmáns xemelgos e orfos desde moi novos: Olvido, unha moza de 21 anos, e seu irmán, León, un mozo un pouco máis novo, con síndrome de Down, que intenta por todos os medios que súa irmá se ocupe en corpo e alma del.

A actriz galega Marta Larralde e o actor con síndrome de Down Guillén Jiménez son os protagonistas esta entrañable historia de acordos e desacordos entre dous seres humanos que pretenden enfrontar a realidade de xeito moi diferente, pero que, malia as súas desavinzas, se queren e se necesitan mutuamente. O elenco está formado, ademais, por Nerea Barros, Mighello Blanco, Amalia Gómez, Rebeca Montero, Gary Piquer, Laura Ponte, David Seijo e Jaime Vázquez.

Ademais do coloquio e a proxección da película, o espazo incluirá unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira.  

Fuente Crtvg.es