A preocupación polo medio natural e a conciencia ecolóxica afastan radicalmente as dúas nais de ‘A miña familia pola túa’

0
18

Santiago, 29.01.2020.-  Tras a boa acollida que tivo a estrea de ‘A miña familia pola túa’ (22.30 h) a semana pasada, en que obtivo unha cota media de pantalla de 11,7%, a TVG ofrece este mércores unha nova entrega en que as protagonistas son, de novo, dúas familias opostas, en que as nais intercambiarán as súas vidas entre si durante una semana de convivencia. Nesta ocasión, unha delas está preocupada polo medio natural e por reciclar e a outra, sen conciencia ecolóxica.

Esther é unha nai surfista e moi ecoloxista, preocúpase por transmitir a súa preocupación polo medio natural aos seus fillos e educalos en valores como a reciclaxe, a recuperación e a reutilización dos produtos. A súa filosofía pasa por eliminar os plásticos da vida cotiá, o cero consumismo e o aproveitamento dos recursos. As actividades de ocio preferidas pola familia baséanse no amor pola natureza, o mar e a montaña, practican xuntos surf e escalada, acampan cos seus fillos as fins de semana viaxando en furgoneta familiar na que se aloxan. Como se desenvolverá nunha familia que considera que o cambio climático é unha farsa? Será capaz de cambiar os seus hábitos? Abandonará a casa desesperada aos tres días?

Pola súa parte, Vanessa é unha nai con moito encanto, preocupada pola súa imaxe debido ao seu traballo como cantante no dúo musical Carpe Diem, que forma xunto co seu marido. É unha nai consumista: os seus armarios están repletos de abelorios, plumas e zapatos de tacóns altos, imprescindibles nos seus espectáculos de verbena popular, o seu frigorífico cheo de produtos envasados en plásticos e a súa casa, conta cun televisor en cada unha das estancias. Con respecto aos ecoloxistas, Vanessa opina que non vai solucionar os problemas do planeta e, por comodidade doméstica, a reciclaxe non se contempla. Será capaz de vivir unha semana baixo as normas dos que ela define como “perroflautas”? Como superará o reto de durmir ao aire libre nunha praia, facer surf e converter unha furgoneta no seu fogar? Que ocorrerá cando estas nais impoñan as súas propias normas? Adaptaranse as familias a vivir baixo unhas regras que son totalmente contrarias ás súas?

Fuente Crtvg.es