A presentadora do ‘Malicia noticias’ Noelia Rey, Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022

0
64

Santiago, 13.04.2022.-  A xornalista e presentadora da TVG Noelia Rey foi recoñecida este mércores nos Premios Circom Regional 2022 co galardón ao Novo Talento en Pantalla en 2022. Noelia Rey (Ourense, 1995) presenta o espazo de actualidade en clave de humor ‘Malicia noticias’, que se emite na franxa do prime time da TVG. Anteriormente formou parte dos equipos dos espazos da Galega ‘Aquí Galicia’, ‘Adiviña quen vén esa tarde’ ou do concurso-karaoke do verán ‘Cantas ou non?’. Foi tamén unha das caras coñecidas da TVG elixidas para presentar o programa especial dar badaladas de Noitevella, en decembro pasado.
 
Ademais do premio a Noelia Rey, outra produción da Televisión de Galicia, ‘3 camiños’, foi recoñecida nestes premios europeos do audiovisual, cunha mención especial na categoría ‘Entretemento e ficción’. Emitida no verán de 2021 na TVG, a serie ‘3 camiños’ é unha coprodución internacional de 8 capítulos que fomenta e difunde o fenómeno xacobeo e os valores do Camiño de Santiago, e que está protagonizada polos actores Álex González e Verónica Echegui, ademais dun elenco internacional encabezado por Andrea Bosca, Anna Schimrigk e Alberto Joo Lee.

Os Premios CIRCOM Regional son organizados por CIRCOM, entidade que reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos e este ano serán entregados o vindeiro mes de maio nunha gala na cidade irlandesa de Galway.

Segunda vez en catro anos

É a segunda vez en catro anos que a CRTVG acada o premio ao Novo Talento en Pantalla logo de que en 2019 o galardón recaera na xornalista Alba Mancebo. Os Premios CIRCOM foron creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa. A CRTVG obtivo outros galardóns neste certame, o último en 2020 para o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría ‘Minorías en sociedade’. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.

Fuente Crtvg.es