A programación da CRTVG sobre as Letras Galegas chegará este ano con máis intensidade aos máis novos a través das redes sociais

0
7

Santiago, 17.02.2020.-   Os medios públicos galegos desenvolverán o mes de maio unha programación especial arredor do Día das Letras Galegas 2020 que foi presentada hoxe no Museo Centro Gaiás, nun acto en que se expuxo o programa de actividades institucionais e en que participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; familiares de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado este ano, e representantes de distintas institucións relacionadas coa cultura e a lingua galega. Como explicou a xefa de RSC e Asesoramento Lingüístico da CRTVG, Marta Fernández, “o obxectivo da Corporación é difundir todas as accións anunciadas hoxe e facer chegar esa mensaxe a todos os públicos, na radio, na televisión e, con máis intensidade este ano, nas canles dixitais, para estender a comunicación cos galegos e galegas, especialmente cos máis novos, nos formatos e coa linguaxe á que están máis afeitos”.

Un xogo sobre Carvalho Calero no Instagram
    
A Corporación vaille dar especial importancia á comunicación nas redes sociais, nas que xa existen proxectos para divulgar a lingua (#Instagal e #DígochoEu). Crearase un vídeo, en formato para redes sociais, para divulgar o perfil e o traballo do escritor e tamén se proporá un xogo sobre Carvalho Calero, a través de stories de Instagram e do IGTV. Este xogo comezará semanas antes do 17 de maio. Ademais, este ano aproveitarase o #DigochoEu, espazo divulgativo arredor da lingua nas redes sociais da TVG, para espallar o legado de Carvalho Calero.
    
Arredor deste día, a CRTVG desenvolverá, coma cada ano, unha das súas campañas de Responsabilidade Social Corporativa, complementando toda a cobertura que os medios públicos lle dedican ao día da lingua e a literatura galegas. A campaña terá toda a súa proxección nos medios públicos e contará con soportes para todas as plataformas: cortinas para televisión, cuñas radiofónicas, web específica dentro de #AcciónsG e difusión nas redes sociais.

Televisión de Galicia e Radio Galega
    
O informativo cultural ‘Zigzag’ realizará o domingo 17 de maio un programa monográfico sobre Ricardo Carvalho Calero e o día anterior, o sábado 16, o espazo ‘Vivir Aquí’ será tamén un especial sobre o autor, ‘Os lugares polos que pasou Ricardo’, que lembrará as distintas etapas da súa vida. Tamén, na contorna do 17 de maio programaranse dúas películas baseadas en libros galegos: a estrea na TVG de ‘A estación violenta’ (novela de Manuel Jabois) e ‘A praia dos afogados’, baseada no libro de Domingo Villar. Pola súa parte, a G2 programará unha semana enteira as ‘Noites Temáticas das Letras’, en que se incluirán documentais sobre homenaxeados en anos anteriores, programas en que se afonda na lingua galega e máis títulos de cine galego.

Ademais, tirando do arquivo sonoro da Radio Galega, a CRTVG recuperará a voz de Carvalho Calero para preparar cápsulas que se emitirán ao longo de toda a programación e que se empregarán tamén en reportaxes e entrevistas. E o magazine matinal da RG ‘Galicia por Diante’ emitirase en directo o domingo 17 desde o lugar onde se celebre o acto central da Real Academia Galega. O resto do mes, toda a programación estará salferida de contidos relacionados coas letras e con Carvalho Calero, con entrevistas aos autores das publicacións sobre a vida e obra do autor.

Fuente Crtvg.es