A proposta acústica e baseada na música tradicional de Talabarte, protagonista esta semana en ‘Galicia Emerxe’

0
21

Santiago, 01.12.2021.-   O grupo de música tradicional contemporánea Talabarte, un novo concepto de formación en Galicia, estritamente acústico e baseado na música tradicional, é esta semana o grupo convidado no escenario de ‘Galicia Emerxe’ (00:30 h), o ciclo de concertos da segunda canle da Galega.

Neste proxecto únense tres indispensables da escena musical galega: o violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García. Os seus nomes están intimamente ligados con grandes proxectos da música galega como Berrogüetto ou Marful e tamén con prestixiosos músicos de jazz como Jorge Prado, Walter White e Steve Brown.

Cos seus temas, Talabarte propón unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes. O seu repertorio complétase con composicións propias, todo aliñado con distintos enfoques estéticos que van desde a linguaxe do jazz e do folk, pasando polo tango, ata a tradición musical máis europea.

Tras publicar o seu primeiro traballo discográfico, conseguiron grandes eloxios de crítica e público e levaron a súa música por teatros, auditorios e festivais da Península Ibérica, Bretaña e Serbia, con concertos cheos de risco, improvisación e contundencia.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola G2 e o sábado poderase ver na TVG (10:40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22:00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es