A Radio Galega arranca o curso co mellor dato de audiencia da súa historia

0
5

Santiago, 26.08.2020.- O 7 de setembro comezará unha nova temporada para a Radio Galega, que acaba de recibir o apoio histórico da súa audiencia. O último Estudo Xeral de Medios cifrou nos 212.000 oíntes o seguimento diario da emisora pública: o mellor rexistro desde a súa fundación. O dato elévase ata os 247.000 oíntes diarios cando se suma o seguimento da emisora musical con máis auxe na comunidade autónoma: Radio Galega Música.

Radio Galega consolida así esta nova temporada unha profunda transformación iniciada no ano 2018 coa pretensión de incrementar a información de proximidade, os contidos especializados e o entretemento de máxima calidade.

Xosé Valiñas, Kiko Novoa e Cristina García seguirán liderando as mañás radiofónicas co programa ‘Galicia por diante’, que contará unha nova temporada co humor de Paco Lodeiro e todo o equipo de ‘A bóla extra’. O relato informativo de luns a venres estará dirixido polos xornalistas Silvia Pereira e Xosé Luís López Vila en senllas edicións de ‘A crónica’ ás 14:00 e ás 20:00 horas.

O entretemento e a información volverán confluír en dous dos grandes espazos máis apoiados pola audiencia no último curso: ‘A tarde’, de Antón Rebollido, e o ‘Pensando en ti’, de Marcial Mouzo, que segue superando o seu propio liderado de forma imparable nas madrugadas galegas. Tamén na fin de semana, a vocación de servizo público volverá definir unha programación nas voces de Victoria Rodríguez e Luis Ojea.

A información deportiva será protagonista de luns a domingo tras o histórico respaldo da audiencia aos nosos programas ‘Galicia en goles’, con Xoán Galán e o seu equipo; ‘Zona mixta’, de Carlos Alonso, e ‘Ao contraataque’, de Pedro Pablo Alonso. Da mesma forma, o ‘Diario cultural’, baixo a coordinación da xornalista e escritora María Solar, seguirá ofrecendo en tres edicións diarias un profundo repaso polas diferentes expresión artísticas do país.

Con estes argumentos, a Radio Galega pretende esta temporada consolidar a súa primeira posición respecto ás outras emisoras da comunidade autónoma en ‘share’ e en consumo medio por oínte. Desde o inicio da crise sanitaria, a emisora pública confirmouse como a gran referencia informativa, emitindo a totalidade de comparecencias e declaracións institucionais, e como a gran referencia do debate público, escoitando todas as voces dunha sociedade que protagoniza un momento clave na historia.

Fuente Crtvg.es