A Radio Galega comeza o mes de febreiro coa retransmisión do partido Leganés-Lugo de Segunda División

0
4

Santiago, 01.02.2021.-    Febreiro comeza con fútbol na Radio Galega. Desde as 18.45 h, Toni López García conduce hoxe unha edición especial de ‘Galicia en Goles’ coa retransmisión do partido de Liga da Segunda División A entre o Leganés e o Club Deportivo Lugo.

O equipo de Mehdi Nafti visita Butarque, onde o Leganés cambiou de adestrador tras destituír a Pep Martí. O seu substituto é Asier Garitano, que foi o técnico que levou o equipo á Primeira División hai varias temporadas. Na clasificación, o Lugo está a só tres puntos do Leganés, aínda que o cadro madrileño ten un partido menos.

Roberto Carlos Carballo encargarase da narración do xogo, co apoio dos especialistas Emilio González e Rafa Porto. A partir das 23.00 h, ‘Ao Contraataque’ resumirá o sucedido no terreo de xogo e falará cos protagonistas.

As retransmisións deportivas volverán o venres co baloncesto e o hóckey a patíns. A través da web radiogalega.gal o equipo deportivo contará o baloncesto da LEB entre o Breogán e o Melilla, xunto ao encontro da liga de hóckey a patíns Liceo-Barcelona. A emisión comezará ás 18.55 h e desde as 20.30 h os espectadores tamén poderán seguila a través da FM dentro do ‘Galicia en Goles’.

Fuente Crtvg.es