A Radio Galega, con máximos históricos de audiencia, é líder en Galicia cun 31% de share

0
15

Santiago, 02.12.2020.-  A Radio Galega volve incrementar audiencia e marca por segunda vez en menos dun ano o seu máximo histórico con 218.000 oíntes de luns a venres, segundo a terceira onda do Estudo Xeral de Medios de 2020 coñecida este mércores. Trátase dun incremento do 1,4% con respecto á primeira onda do ano. De luns a domingo, a audiencia ascende a 201.000 oíntes, isto é un 3,6% máis que na anterior onda.

No contexto da pandemia da Covid-19 e logo de meses de radio innovadora para facer chegar a información á audiencia, a emisora pública galega medra mentres se produce unha caída xeneralizada no consumo do resto de radios en Galicia.

As audiencias tamén melloraron se se comparan co acumulado do ano 2019, cunha suba do 45% e 67.000 novos oíntes. De luns a domingo, o incremento foi do 47%. No que atinxe á terceira onda de 2019, o incremento é de 48.000 oíntes e o 31,7%.

Radio Galega Música acada nesta terceira onda o seu teito de oíntes con 39.000 de luns a venres, o que supón un incremento do 11,4%. A audiencia de luns a domingo tamén experimentou un incremento do 3,7%.

O grupo de emisoras da Radio Galega alcanza unha audiencia total de 255.000 oíntes nesta terceira onda do ano no período de luns a venres, marcando un novo máximo histórico. No conxunto da semana, a audiencia total é de 228.000 persoas, o que se traduce nun incremento do 4,1 por cento con 9.000 oíntes máis.

Oferta consolidada dos espazos informativos, culturais e deportivos
 
O “Galicia por Diante” da Radio Galega suma 143.000 oíntes, mantense como a gran referencia das mañás na Radio Galega e suma 18.000 oíntes con respecto a hai un ano. O tramo informativo que dirixe Xosé Valiñas é escoitado cada mañá por 84.000 persoas. O magazine dirixido por Kiko Novoa alcanza os 107.000 oíntes, o que significa 36.000 máis que hai un ano. A sección de humor “A Bóla Extra”, un programa pioneiro de radio e televisión, mantense por enriba dos 60.000 oíntes

Os informativos da Radio Galega saen reforzados do EXM deste mes de decembro. Ademais da suba do “Galicia por Diante”, increméntase a audiencia de “A Crónica” de Silvia Pereira, con 24.000 oíntes, mentres que a edición nocturna, dirixida por Xosé Luís López Vila, se sitúa nos 25.000 oíntes.

Na fin de semana, o “Galicia por Diante” dobra a súa audiencia o sábado ata os 76.000 e increméntaa en 5.000 oíntes o domingo ata alcanzar os 66.000. O apartado informativo sobe a súa audiencia en 12.000 oíntes para situarse nos 26.000 o domingo. O magazine dirixido por Victoria Rodríguez alcanza os 78.000 oíntes o sábado e 66.000 o domingo, o que supón unha significativa suba con picos históricos. “A Crónica” afiánzase como informativo de referencia, con 31.000 oíntes o sábado, 22.000 persoas máis que en abril, e 15.000 o domingo.

O formato de “A Tarde”, programa magazine dirixido por Antón Rebollido, experimenta un forte incremento de audiencia e marca un máximo de audiencia ao situarse nos 34.000 oíntes.

Na noite da Radio Galega, o espazo “Pensando en ti” de Marcial Mouzo, programa cuxa esencia é a participación da audiencia, alcanza os 48.000 oíntes, o que significa 12.000 máis que na mesma onda de 2019. O programa de madrugada mantén os bos datos de seguimento na fin de semana, con Viti González.
 
No apartado deportivo, o “Galicia en Goles”, dirixido por Xoán Galán, é referente nas fins de semana e mantense estable o sábado mentres que a edición dominical da mañá chega aos 97.000 oíntes nesta terceira onda do EXM. Na información e análise semanal, “Zona mixta”, de Carlos Alonso, consolídase na sobremesa e “Ao contraataque” de Pedro Pablo Alonso dobra a súa audiencia. Na vertente social, o espazo “Convivir deportivo” suma 13.000 oíntes.
 
A programación especializada da Radio Galega experimenta un forte incremento de audiencia segundo a terceira onda do EXM. Os programas de agro e mar da Radio Galega, “Ferrado e medio” e “Mar de ardora”, dirixidos por Xusto López Carril, incrementan a súa audiencia ata os 31.000 oíntes.

O “Diario Cultural” nas súas tres edicións diarias de luns a venres alcanza os 101.000 impactos, o que supón unha suba de 5.000 con respecto á terceira onda do EXM de 2019. Na fin de semana, as edicións matinais chegan a 30.000 persoas o sábado e 40.000 o domingo. O novo produto dirixido ao público máis novo “Diario Cultural Zeta” consegue 15.000 oíntes.

                                                      #Coidémonos    
 

Fuente Crtvg.es