A Radio Galega contará, esta fin de semana, a quinta xornada da nova normalidade na Liga de fútbol

0
18

Santiago, 26.06.2020.- O venres, desde as 19:55 h na web radiogalega.gal e xa a partir das 20:30 horas na FM, Paco Santos conduce a retransmisión do Ourense-Alcorcón, en que o equipo das Burgas xoga o partido de acceso á final do domingo, para a que xa está clasificado o Burela. A partir das 23:00 horas, o programa recollerá as opinións das protagonistas desde o hotel de concentración.

O sábado e o domingo, ‘Galicia en Goles’ principia ás 14:15 horas coa edición informativa, para dar paso 15:00 h ao contedor de retransmisións baixo a dirección de Xoán Galán. O Celta-Barcelona e o Deportivo-Ponferradina son os partidos destacados do sábado. En Balaídos, o equipo de Óscar García Junyent enfróntase ao segundo clasificado, que necesita sumar os tres puntos para seguir presionando ao Real Madrid. A vitoria en Anoeta confirma o excelente momento do cadro galego, que a sete xornadas para o final ten xa un colchón de sete puntos sobre a zona de descenso.

No caso do Deportivo, a situación tamén mellorou tras gañar en Elx. A Ponferradina está nunha situación cómoda na táboa, mesmo non descarta pelexar pola fase de ascenso no treito final do campionato. Para o equipo que prepara Fernando Vázquez, os tres puntos son necesarios para dunha vez por todas iniciar a escalada.

Xa o domingo, o Lugo xoga no Molinón ante o Sporting de Xixón. Agora mesmo, o cadro de Curro Torres está en zona de descenso e o mércores que vén ten unha final no Anxo Carro ante o Numancia. Xunto ao encontro de Xixón, a sesión da tarde dominical completarase coa final da Liga de fútbol sala feminino desde Málaga, entre o Burela e o vencedor da semifinal Ourense-Alcorcón.

‘Galicia en Goles’ chega á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Ademais, no caso do encontro Celta-Barça, aqueles espectadores que sigan o partido por Movistar e LaLigaTVBar teñen a opción nas canles de audio de escoitar a retransmisión da Radio Galega.

Fuente Crtvg.es