A Radio Galega emite este luns un especial ‘Galicia en Goles’ coa retransmisión do Celta-Xetafe desde Balaídos

0
22

Santiago, 23.10.2022.–    Esta semana, a xornada deportiva para os equipos galegos prolóngase ata o luns. O Celta de Vigo pecha o calendario da Primeira División recibindo no estadio de Balaídos o Xetafe. As tres últimas derrotas obrigan o equipo de Coudet a endereitar o rumbo ante un rival directo para permanecer na máxima categoría.

O Celta volveu de Valladolid cunha goleada inesperada. O 4-1 prendeu as alarmas e os seareiros confían que este luns o equipo recupere as boas sensacións amosadas hai unhas semanas ante o Betis, o último equipo ao que logrou derrotar esta temporada.

Paco Santos encargarase da dirección desta edición especial de ‘Galicia en Goles’, que estará en antena desde as 20.30 h ata as 23.00 h. Roberto Carlos Carballo narrará os 90 minutos de xogo, cos comentarios de Víctor López, Moncho Carnero e Xosé Ramón Valtierra.

Os oíntes poderán escoitar o Celta-Xetafe por FM, TDT, radiogalega.gal, a aplicación Radioplayer España, os altofalantes Alexa e G24.gal/rg-directo. Ademais, os que teñan previsto seguir o partido pola televisión Gol Play contarán no audio 2 coa narración da Radio Galega.

Cando remate a retransmisión, o deporte continuará na programación da Radio Galega coa emisión de ‘Ao Contraataque’, dirixido por Pedro Pablo Alonso. A primeira parada será en Balaídos para ofrecer as roldas de prensa dos dous preparadores e, a continuación, abrirá mesa de debate cos analistas especializados na información do Celta.

Fuente Crtvg.es