A Radio Galega estrea este martes a terceira temporada do podcast ‘Superando a ficción’

0
18

Santiago, 29.11.2022.-    Este martes regresa á Radio Galega ‘Superando a ficción’, con novas historias reais, que engancharán os oíntes grazas ao ritmo, á intriga, á acción e ao suspense que lles proporciona a xornalista Cristina García. O primeiro podcast nativo dixital da emisora pública, dispoñible en RadioGalegaPodcast.gal, achegará cada semana unha historia veraz digna de ser o argumento dunha película.

Tras o éxito de acollida das dúas temporadas anteriores, Cristina García, coordinadora de Programas da RG e presentadora habitual dos espazos ‘Galicia por Diante’ e ‘A Bóla Extra’, trae agora historias máis incribles ca nunca, seis novos relatos que superan calquera das ficcións máis inimaxinables. Como é habitual neste podcast, todas elas se presentarán baixo o título dunha longametraxe.

Así, nesta terceira temporada, haberá historias sobre xente que simulou estar tola para entrar nun sanatorio mental e sobre mulleres que competiron ferozmente para dominar a industria cosmética. Os oíntes de ‘Superando a ficción’ tamén coñecerán unha muller que puido ser emperatriz de Persia, pero que foi repudiada polo seu home por non ter fillos, e doutra tan pobre que non tiña máis ca cartos. Noutros capítulos, Cristina García falará dunha familia idílica que enganou a todo o mundo e de grandes oportunidades que chegan cando menos se agardan.

‘Superando a ficción’, un podcast feito por e para o medio dixital, está dispoñible en RadioGalegaPodcast.gal e tamén nas plataformas Spotify e iTunes. Este proxecto, nado en outubro de 2021, continúa sumando contidos, con novos podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro ‘Superando a ficción’ foron uníndose novos proxectos, máis de 40 podcasts que conforman a oferta actual de RadioGalegaPodcast.gal.

Cristina García, gañadora do II Premio Sesé Mateo

A nova temporada de ‘Superando a ficción’ estréase poucos días despois de que a creadora deste podcast fora galardoada co II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento e Comunicación da Violencia de Xénero, que concede o Concello de Redondela e Joshua Alonso Mateo. Cristina García foi premiada polo capítulo ‘Mentres dormes’, que afonda nas violacións por submisión química. A través da historia persoal da directora británica Michaela Coel, a peza premiada de ‘Superando a ficción’ explica os antecedentes deste tipo de violencia.

Fuente Crtvg.es