A Radio Galega, no foro ‘O presente da radio’, de FORTA

0
14

Santiago, 22.02.2023.-    A Radio Galega participa esta semana no foro ‘O presente da radio’, organizado pola Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) en Toledo, que analizará a situación actual e as tendencias de futuro deste medio. A xefa de Programas da RG, Tania F. Lombao, e o coordinador de medios, Modesto Pena, intervirán o xoves nas mesas redondas ‘Contidos da radio actual’ e ‘Os medios técnicos da radio de hoxe’, respectivamente.

Modesto Pena explicará e fará balance das actuacións máis salientables realizadas no estudio multimedia da emisora pública galega, estreado en marzo de 2022 e co que a CRTVG fortaleceu a converxencia definitiva entre radio, televisión e Internet. Exporá tamén os principais desenvolvementos e automatizacións postos en marcha neste estudio, desde o cal a RG emite, en directo, o 80% da súa programación.

Pola súa parte, Tania F. Lombao conversará sobre o artellamento das programacións en FM e os novos formatos, especialmente coa produción de contidos multicanle para o eido dixital, e exporá a experiencia de RadioGalegaPodcast.gal ou dos videopodcasts. RG emite xa programas radiofónicos híbridos como ‘A Bóla Extra’, ‘Pensando en Ti’ ou espazos de faladoiro político, en simultáneo na primeira e segunda canle da TVG. E a escoita en streaming a través dos medios dixitais de RG incrementouse nun 17% en 2002 respecto do ano anterior.

Este simposio da FORTA ten lugar nun momento clave para a industria radiofónica, como testemuña o incremento da audiencia dun medio que é escoitado regularmente por máis de 31 millóns de españois, segundo a terceira onda do EXM do ano pasado. A FORTA pretende que este foro resalte “a importancia para a sociedade deste medio como cohesionador e canalizador do discurso democrático”.

Fuente Crtvg.es