A Radio Galega ofrece cinco días de retransmisións deportivas, de xoves a luns

0
4

Santiago, 06.05.2021.-    Os afeccionados ao deporte teñen onde escoller durante os próximos cinco días na programación da Radio Galega. O programa ‘Galicia en Goles’ estará presente desde o xoves ata o luns para contar os partidos dos equipos e deportistas galegos.

O xoves, desde as 20.30 h, o protagonismo será para o baloncesto ACB co Barcelona-Obradoiro. O equipo santiagués chega sen presión ao Palau tras garantir a permanencia, mentres o equipo local está eufórico tras acceder á final a catro da Euroliga.

O venres, tamén desde as 20.30 h, o programa analizará a intensa xornada da fin de semana para os conxuntos galegos no fútbol e no polideportivo.

O sábado, a sesión de tarde prolongarase desde as 15.00 ata as 23.00 h para seguir o fútbol de Segunda B e Terceira, xunto ás competicións de balonmán e fútbol sala.

Xa o domingo, a edición matinal adianta o seu comezo ás 11.45 h coa última xornada da Segunda B nos grupos de ascenso. O Rácing de Ferrol necesita gañarlle en Luanco ao Marino para acceder á Primeira RFEF, mentres que o Deportivo, xa cos deberes feitos, visita o Numancia co obxectivo de quedar primeiro e entrar na próxima edición da Copa do Rei. Para o Celta B, entrementres, a visita a Burgos servirá de preparación para as finais de ascenso ao fútbol profesional e para saber tamén en que posto vai quedar no grupo. O Coruxo-Lealtad, pola permanencia na Segunda RFEF, e o Estudiantes-Obradoiro de ACB completarán a oferta deportiva ata as 14.30 h. Desde as 15.00 h, o protagonismo será para o Vilarreal-Celta, de Primeira, o Pontevedra-Spórting B, de Segunda B, e a xornada de Terceira.

Durante a fin de semana, a Radio Galega emitirá outros espazos de temática deportiva. Deste xeito, o sábado, ás 13.00 h, Alfonso Pardo visita, co programa ‘Convivir Deportivo’, Quiroga, onde unha das prácticas de moda é o trail. Ás 23.00 h, ‘Gas a Fondo’ repasará a información do motor galego e, ás 23.30 h, ‘Galicia en Toquio’ actualizará a preparación dos deportistas galegos para os próximos Xogos Olímpicos. Como é habitual, a última hora do día será para debater en ‘Ao Contraataque’  sobre os resultados dos equipos galegos durante a fin de semana.

O luns haberá outra edición de ‘Galicia en Goles’ desde as 20.30 h, xa que o Lugo pecha a xornada de Segunda División visitando o Spórting de Xixón no Molinón. O único resultado válido para o cadro galego é a vitoria, se quere manter as escasas opcións de permanencia na categoría.

Fuente Crtvg.es