A Radio Galega ofrece este xoves o partido da Liga ACB entre o Manresa e o Obradoiro

0
1

Santiago, 23.09.2020.-    A segunda xornada da Liga ACB de baloncesto desenvólvese entre o mércores, xoves e venres desta semana. A quenda do Obradoiro é este xoves ás 19:00 horas no Nou Congost ante o Manresa, unha cita deportiva que se poderá seguir a través dos micrófonos da Radio Galega.

Os dous equipos comezaron a temporada con cadansúa vitoria. No Sar, o Obradoiro derrotaba ao Fuenlabrada por 101-82 nun partido que sufriu un atraso de 28 horas sobre a hora prevista inicialmente por mor do positivo en covid-19 dun xogador do equipo santiagués. O Manresa, mentres, lograba o triunfo na pista do Estudiantes por 84-88.

Paco Santos dirixe desde as 18:55 h a retransmisión do encontro, coa narración de Alfonso Pardo e os comentarios de Roberto Carlos Carballo. A partir das 23:00 horas, os oíntes poderán escoitar aos protagonistas do xogo na edición nocturna de ‘Ao contraataque’, a partir das once, con Pedro Pablo Alonso.

O Manresa-Obradoiro deste xoves é o primeiro dunha serie de partidos que serán protagonistas na semana deportiva na Radio Galega. O venres, desde as 20:30 horas, ‘Galicia en Goles’ estará presente no fútbol sala co amigable entre o Noia e O Parrulo Ferrol, ademais de seguir o baloncesto feminino, co Universitario Ferrol-Maristas da Coruña, da Copa Galicia. O sábado, desde as 15:00 horas, o rally Terra da Auga será un dos argumentos do programa, xunto a toda a xornada polideportiva. As grandes citas do fútbol resérvanse para o domingo, coa edición matinal das 11:45 h dedicada ao Lugo-Almería, mentres que desde as 15:00 horas xirará arredor do Valladolid-Celta.

As emisións deportivas da Radio Galega pódense seguir pola FM, TDT, a web radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e mesmo polos altofalantes Alexa.

Fuente Crtvg.es