A Radio Galega retransmite esta tarde en directo o encontro da ACB de baloncesto entre o Obradoiro e o Real Madrid

0
18

A partir das 17.55 h, Alfonso Pardo e Raúl Villares estarán na cancha da capital galega para trasladarlle á audiencia o que se agarda sexan 40 minutos de máxima emoción

A Radio Galega retransmite esta tarde en directo o encontro da ACB de baloncesto entre o Obradoiro e o Real Madrid

Santiago, 23.03.2021.-    O equipo de Deportes da Radio Galega desprega esta tarde un amplo dispositivo para a retransmisión dun dos partidos da temporada no Multiúsos Fontes do Sar. Desde as 17.55 h, Paco Santos conduce a retransmisión do encontro da Liga ACB de baloncesto entre o Obradoiro e o Real Madrid. Alfonso Pardo e Raúl Villares estarán na cancha da capital galega para trasladarlle á audiencia o que se agarda sexan 40 minutos de máxima emoción.

A derrota do sábado pasado no último segundo ante o Unicaja proe no conxunto que prepara Moncho Fernández, pero os xogadores saben que é cuestión de tempo que volvan as vitorias tras estar semanas parados pola covid-19. O rival desta tarde non semella ser o máis apropiado en momentos de crise, pero non é a primeira vez que o Real Madrid perde no Sar. Así e todo, hai que ter en conta a situación do equipo de Pablo Laso na clasificación, líder con tan só unha derrota en 25 partidos.

Mañá tamén haberá unha emisión extraordinaria de deportes, desta volta pola web da Radio Galega desde as 19.30 h. Andrés Vieites desprazarase ata o pavillón de Vista Alegre para retransmitir o Burela-Córdoba da Primeira División de fútbol sala masculino, mentres que Roberto Carlos Carballo estará no Couto para seguir o Ourense C. F.-Alondras, o último encontro pendente do calendario na Terceira de fútbol antes da última xornada do próximo domingo.

Fuente Crtvg.es