A Radio Galega retransmite este mércores desde Riazor o partido Deportivo-Talavera

0
25

Santiago, 27.09.2022.-    A Radio Galega programa para esta semana dúas edicións especiais de ‘Galicia en Goles’. A primeira emitirase na FM, TDT e radiogalega.gal o mércores desde as 19.45 h, coa retransmisión do partido pendente da primeira xornada da Primeira Federación entre o Deportivo da Coruña e o Talavera, que tamén ofrecerá en directo a G2.

Paco Santos, desde o estudio central, repartirá xogo entre Javi Torres e Xosé Manuel Traba, desprazados ao estadio municipal de Riazor. Tras encadear dous empates consecutivos, o equipo herculino está obrigado a gañarlle ao último equipo que entrou na categoría pola exclusión do Dux Internacional de Madrid.

Durante a tarde tamén haberá conexións cos partidos da Copa Federación. O Arenteiro recibe no Espiñedo o campión de Cantabria, o Naval. Mentres, o Bergantiños xoga nas Eiroas ante o Zamora. Completa o cadro galego o encontro nas Canarias entre o San Mateo e o Somozas.

O xoves, o equipo deportivo da Radio Galega trasladará a programación en exclusiva á canle de eventos de radiogalega.gal e g24.gal/directos. A partir das 19.00 h, a atención estará posta na primeira xornada da Liga ACB de baloncesto, primeiro co Obradoiro-Zaragoza no Multiusos Fontes de Sar e, a continuación, co Murcia-Breogán de Lugo no Pavillón dos Deportes.

O ‘Galicia en Goles’ regresará á FM na fin de semana, coas primeira sesión o venres ás 20.30 h. O baloncesto volverá ser protagonista, desta volta cos equipos galegos da LEB Ouro. O Básquet Coruña disputa en Riazor o trofeo Teresa Herrera ante o Burgos, mentres que o Club Ourense Baloncesto afronta no Paco Paz o amigable de presentación ante o Valladolid.

Fuente Crtvg.es