A Radio Galega retransmite este mércores o España-Costa Rica do Mundial de Qatar

0
25

Santiago, 23.11.2022.-    O domingo comezou o Mundial de Qatar 2022, pero a estrea da selección española de fútbol non se produce ata a tarde deste mércores. A Radio Galega daralle cobertura a todos os partidos que dispute o combinado que dirixe Luis Enrique, con edicións especiais de ‘Galicia en Goles’ en que se incluirán faladoiros de especialistas. A emisión chegará a través das FM, TDT e radiogalega.gal.

A partir das 16.45 h deste mércores, Paco Santos dirixe a retransmisión do encontro entre as seleccións nacionais de España e Costa Rica. Roberto Carlos Carballo encargarase da narración do xogo, apoiado polo adestrador José Valtierra e o árbitro Xabier Rodríguez Campos. O programa prolongarase ata as 20.00 h, para escoitar as opinións dos protagonistas e analizar con adestradores galegos o sucedido sobre o terreo de xogo. Pola noite, ás 23.00 h, Pedro Pablo Alonso seguirá debullando a estrea da selección española, dentro do programa ‘Ao Contraataque’.

‘Galicia en Goles’ volverá na fin de semana co seguimento ao que fagan os equipos galegos nas competicións de liga. O venres, a primeira edición analizará desde as 20.30 h todo o calendario. O sábado, desde as 15.00 h, o protagonismo será para o San Fernando-Celta B de Primeira RFEF e o Breogán-Tenerife da Liga ACB de baloncesto. Xa o domingo, desde as 11.45 h, a atención estará posta no Ceuta-Pontevedra de fútbol e no Murcia-Obradoiro de baloncesto. A partir das 15.00 h, o interese pasará polo Lugo-Levante, Fuenlabrada-Deportivo e o Rácing de Ferrol-Mérida, para rematar pola noite co España-Alemaña do Mundial.

Fuente Crtvg.es