A Radio Galega retransmite este mércores o partido Betis-Celta

0
15

Santiago, 19.01.2021.-    Remata a primeira volta da Liga de fútbol na Primeira División e a Radio Galega ofrece este mércores unha edición especial de ‘Galicia en Goles’. Desde as 20.30 h, Paco Santos dirixe a retransmisión do partido Betis-Celta, no estadio Benito Villamarín. Roberto Carlos Carballo trasladaralle á audiencia a emoción dos 90 minutos de xogo, cos comentarios de Víctor López, Xosé Valtierra e Moncho Carnero.

O Celta visita o campo bético tras perder os últimos encontros, en que faltou por lesión Iago Aspas. Nesta ocasión, o de Moaña volver ser baixa, aínda que a súa intención é regresar o vindeiro domingo en Balaídos ante o Eibar.

A emisión do ‘Galicia en Goles’ prolongarase ata as 23.00 h e a esa hora comezará ‘Ao Contraataque’, que, da man de Pedro Pablo Alonso, conectará coas comparecencias dos adestradores Chacho Coudet e Manuel Pelegrini. A continuación, o programa abrirá mesa de debate cos especialistas para debullar o sucedido sobre o céspede.

Esta semana haberá máis retransmisións deportivas na RG. O venres, desde as 19.30 h, radiogalega.gal contará a final da Copa Princesa de baloncesto desde o Pazo dos Deportes do Lugo. O Breogán buscará o título da LEB ouro ante o líder do outro grupo, o Alacant. A partir das 20.30 h, a emisión será simultánea coa FM e TDT, dentro do espazo ‘Galicia en Goles’.

Fuente Crtvg.es