A Radio Galega retransmite este sábado os partidos Celta-Alavés e Unionistas-Rácing de Ferrol

0
23

Santiago, 05.05.2022.-    O calendario de retransmisións da fin de semana comeza na Radio Galega na noite do venres, cos cuartos de final da Copa da Raíña de fútbol sala desde Ourense. A partir das 20.30 h, o Ourense e o Burela disputan o último encontro da xornada, en que está en xogo a clasificación para as semifinais.

O sábado, desde as 15.00 h, a atención estará posta no Celta-Alavés, de Primeira LFP, e no Unionistas de Salamanca-Rácing de Ferrol, da Primeira Federación. O Breogán-Barcelona, da Liga ACB, e o Cangas-Antequera, da Liga Asobal, son os encontros destacados na xornada polideportiva. Na última hora, o espazo ‘Galicia en Xogo’ analizará o Rally Terra da Auga ás 23.00 h, mentres que ás 23.30 h chegará o resumo da actividade dos olímpicos galegos.

Xa o domingo, a edición matinal de ‘Galicia en Goles’ comezará ás 11.45 h, cunha intensa xornada centrada no Celta B-Leonesa, da Primeira RFEF, e nas seis citas da penúltima xornada da Segunda RFEF, en que o Pontevedra conseguirá o ascenso se derrota o Salamanca e o Adarve non gaña en Luanco. Ademais, xóganse estoutros partidos: Bergantiños-Avilés, Arenteiro-Navalcarnero, Llanera-Coruxo, Leganés B-Arousa e Compostela-Ceares.

A sesión da tarde pasará polo fútbol da Segunda LFP co Eivissa-Lugo, a final autonómica de Terceira entre o Ourense e o Barco e dúas citas no baloncesto: Obradoiro-Real Madrid, da ACB, e Ourense-Rioja, de ascenso á LEB Ouro. A partir das 23.00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ visitarán o ‘Galicia en Goles’ para debater sobre os resultados dos equipos galegos na xornada da fin de semana.

A programación deportiva da Radio Galega complétase co espazo ‘Convivir Deportivo’, que se emite o sábado ás 13.00 h. Esta semana, o fútbol é o protagonista, con dous equipos que representan o Concello de Barreiros no fútbol autonómico: o Celta e o Iberia.

Os oíntes poden escoitar a programación da Radio Galega a través da FM, TDT, radiogalega.gal, g24.gal e as aplicacións móbiles. No caso de ‘Galicia en Goles’, o programa tamén chega a través do YouTube da RG e das páxinas web da CRTVG, coa emisión en streaming das edicións do sábado e do domingo desde as 15.00 h.

Fuente Crtvg.es