Santiago, 31.08.2023.- O mes de setembro comeza na Radio Galega coa emisión este venres dunha edición especial de ‘Galicia en Goles’, a partir das 19:00 h e ata as 00:00 h. A sesión de tarde estará centrada no estadio Santo Domingo, onde o Rácing de Ferrol afronta a cuarta xornada como revelación da Segunda División visitando un dos equipos que o acompañou no ascenso a pasada temporada, o Alcorcón.
Ao remate, xa en horario nocturno, chegará desde o Mediterráneo o Almería-Celta de Vigo, da Primeira División. Aínda que o campionato acaba de principiar, a situación dos dous conxuntos é xa preocupante, polo que a vitoria é o único obxectivo de ambos para chegar con tranquilidade ao paro da próxima semana, polos compromisos das seleccións nacionais. Os espectadores que teñan previsto seguir os dous partidos poderán escoller nas opcións de audio dos seus televisores a opción reservada á Radio Galega.
O sábado, o ‘Galicia en Goles’ principiará ás 14:15 h e prolongarase ata a medianoite. Ata as 15:00 h, o programa resumirá os partidos desenvolvidos na xornada do venres. De 15:00 a 16:00 h, o ‘Galicia En Xogo’ seguirá resumindo os mellores momentos da pasada temporada. E a partir das 16:00 h comezará a rodar o balón, cunha ampla despregadura preparada no estadio Anxo Carro para o derbi entre o Lugo e o Deportivo da Coruña, da Primeira RFEF. Outro dos encontros destacados é o Celta B-Tarazona, da mesma categoría. Durante a tarde haberá tamén seguimento do comezo da Segunda RFEF, co Coruxo-Valladolid Promesas.
O deporte solidario tamén estará presente na tarde radiofónica, coa celebración en Santiago de Compostela da Gladiator Race. Desta volta, parte da recadación irá destinada á investigación da enfermidade de Dent.
Os afeccionados ao baloncesto poderán seguir a través das plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes as emisións íntegras das semifinais do trofeo EncestaRías, que se disputa en Pontevedra. Ás 18:00 h, disputarase a primeira semifinal entre o Breogán e o Benfica e ás 20:15 h, a segunda, entre o Obradoiro e o Unicaja Málaga.
Xa o domingo, a Radio Galega ofrecerá doce horas de deporte. A partir das 12:00 h dará cobertura ao fútbol da Segunda RFEF, xunto á final do torneo base de Ordes, o baloncesto feminino en Ribadeo e o partido pola integración entre os equipos genuine do Celta e do Deportivo, desde A Madroa de Vigo. Ás 14:15 h chegará o resume da xornada matinal e, ás 15:00 h, a última entrega do verán de ‘Galicia En Xogo’. Desde as 16:00 h, os micrófonos do ‘Galicia en Goles’ transmitirán o fútbol da Segunda RFEF, as semifinais da Supercopa Galicia e o encontro da Primeira RFEF entre o Arenteiro e o S. D. Logroñés. Fóra do fútbol, destaca a xornada final do trofeo EncestaRías de baloncesto, que chegará de xeito íntegro a través de radiogalega.gal e g24.gal/deportes.
Fuente Crtvg.es