A redactora da Radio Galega Nuria López, Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti polo podcast ‘Historias dun país en guerra’

0
39

Santiago, 21.11.2022.-    A redactora e locutora da Radio Galega Nuria López Presedo, gañou esta fin de semana o Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2022, organizado polo Ateneo de Santiago, pola súa serie de podcasts titulada ‘Historias dun país en guerra’, da plataforma RadioGalegaPodcast.gal.

Este podcast documental da Radio Galega contou con 35 capítulos que foron publicados simultaneamente en RadioGalegaPodcast.gal e nas plataformas iVoox e Spotify os pasados meses de maio e xuño. Nel, a xornalista recolleu testemuñas reais de distintas vítimas da guerra en Ucraína, a través dos relatos de residentes do país, persoas que tiveron que fuxir ou teñen familia alá.

‘Historias dun país en guerra’ dálles voz a ucraínos que están a sufrir o horror da guerra. A xornalista da Radio Galega Nuria López trasládalles aos oíntes estes testemuños, en primeira persoa, que expoñen as atrocidades e as duras historias persoais que está deixando tras de si o conflito. En cada entrega, este podcast sitúa no mapa un dos territorios afectados pola invasión rusa para priorizar, a continuación, o duro transo que están a vivir as familias ucraínas, a través dos relatos de cada protagonista.

Por outra parte, o xurado do premio adxudicoulle un accésit a Miguel Rodríguez Fernández e a Duarte Romero Varela polo traballo ‘Cooperativas de vivenda en cesión de uso: unha alternativa para un fogar accesible?’. A entrega do galardón, de 1.000 euros e unha peza conmemorativa, terá lugar nun acto público o vindeiro mes de decembro en Santiago de Compostela.

Con esta e outras apostas, segue a consolidarse o proxecto RadioGalegaPodcast.gal, nado a finais de 2021 e que continúa sumando contidos, con novos podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro ‘Superando a ficción’ uníronse outros 40 podcasts. Entre outros, ‘Un ollo de vidro’, ‘A fin do mundo’, ‘Como que non?’, ‘Estudio 3. Desclasificados’, ‘Moito ollo’, ‘Hey, ho, let’s go!’ e ‘Os pobres si que choran’. A plataforma está tamén dispoñible en Spotify e en iTunes, co que se sitúa nos novos espazos de consumo da audiencia.

Fuente Crtvg.es