A reunión desta semana no ‘Larpeiros Social Club’ traerá unha ensalada de navallas, unha lasaña de verduras e un pastel de nectarina e mazá

0
3

Santiago, 12.11.2019.-    No ‘Larpeiros Social Club’ falarase esta semana de todo aquilo que nos fai sentir parte da cultura galega, do país e da xente que nos rodea. Para isto, o programa visitará a Carlos no seu castelo, onde non faltan historias e vida -moita vida-, séculos despois da súa construción. Tamén irá ao fondo do mar para apañar navallas e aprender historias dos mariscadores, dos de hoxe e os de antes.

Mentres, no local social dos ‘Larpeiros’, a froita de temporada e as verduras serán inspiración para dúas cociñeiras moi novas, que xa teñen moito que contar: Merchi e Diana, que non chegan aos 40, pero xa fixeron aquilo de “escribir un libro, plantar unha árbore e ter un fillo”. Elas serán as encargadas de cociñar un menú que fará tolear máis dun: ensalada de navallas para abrir boca, lasaña de verduras e un pastel de nectarinas e mazá.

Ademais, hoxe visita o ‘Larpeiros Social Club’ Luís Prego, un grande da música e do baile do noso país, que pasou moitos anos recollendo polas casas galegas contos, coplas, puntos de baile e historias.

Fuente Crtvg.es