A RG celebra o seu 35º aniversario recuperando o testemuño directo dos profesionais que viviron os primeiros momentos da emisora

0
3

Santiago, 22.02.2020.-    A Radio Galega está de aniversario. O vindeiro luns fanse 35 anos do inicio das súas emisións en probas, que comezaron o 24 de febreiro de 1985, coincidindo co día do nacemento da poetisa Rosalía de Castro.

Para celebralo, a canle pública emitirá durante as vindeiras semanas testemuños directos daqueles momentos, na voz de locutores/as, técnicos/as e produtores/as que traballaron na Radio Galega naqueles primeiros días. O relato de anécdotas e historias e a recuperación da narración de acontecementos históricos ofrecerase na programación ata o 29 de marzo, data en que, en 1985, comezaron, as emisións regulares da RG.

Xa este domingo, lembrarase aos compañeiros que estiveron aquel primeiro día. Así, o espazo ‘Galicia por Diante Fin de Semana’, que presenta Victoria Rodríguez, terá como convidados a Manuel Villanueva, hoxe director de Contidos de Mediaset, e a Pablo Barreiro, xefe de Produción da Radio Galega

Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’, os programas centrais da grella da Radio Galega, acollerán faladoiros e entrevistas sobre esta efeméride o luns 24. O programa presentado por Kiko Novoa contará coa participación do hoxe redactor da TVG Antón Galocha; de Mª Xesús Castro, que foi delegada da RG na Coruña da Coruña, e de Andrés Vieites, do equipo de Deportes da Radio Galega. A redactora da TVG Encina Ramos e os locutores Pepe Carreira e Alfonso Pardo, de Programas e Deportes da RG, estarán con Antón Rebollido no programa ‘A Tarde’ para compartir as súas lembranzas.

Ademais, a Radio Galega puxo en marcha unha campaña nas redes sociais para buscar galegos e galegas que cumpran 35 anos o 24 de febreiro de 2020. Todas esas persoas deberán entrar en directo no ‘Galicia por Diante’ do luns para falar da súa relación coa RG e participar así no sorteo de seis reloxos intelixentes. 

Fuente Crtvg.es