A RG súmase ao Día Mundial da Radio con contidos especiais para coñecer o perfil máis persoal dos seus presentadores

0
3

Santiago, 12.02.2021.-    A RG únese este sábado á celebración do Día Mundial da Radio, unha iniciativa da UNESCO que fai a súa décima edición e que este ano se leva a cabo baixo o lema ‘Nuevo mundo, nueva radio. Evolución, innovación, conexión’. A Radio Galega aproveitará esta xornada para achegar os seus presentadores á audiencia dun xeito máis humano.

Así, o programa ‘Galicia por Diante Fin de Semana’, dirixido por Victoria Rodríguez, fará dúas dobres entrevistas con algunhas das voces máis famosas da emisora pública, Cristina García e Antón Rebollido, Marcial Mouzo e Xusto López Carril, para coñecer o seu perfil máis persoal.

Pola súa parte, o ‘Galicia en Goles’ acollerá ‘piques’ deportivos entre presentadores con fonda afección polos seus equipos. No apartado futbolístico, Xoán Galán enfrontará a Kiko Novoa con Manuel Estévez, mentres que no ámbito do baloncesto, o choque será entre Luís Ojea, Silvia Pereira e Celia Rúa.

Ademais, hoxe mesmo, na véspera da efeméride, o programa ‘A Bóla Extra’, parte do cal se emite en simultáneo pola TVG, fará un chamamento á audiencia para que conte as súas experiencias coa radio.

O Día Mundial da Radio será o leit motiv destes programas e as accións desenvolvidas neles aparecerán no mapa mundial de radio da UNESCO, que cada 13 de febreiro reivindica este medio de comunicación como poderoso instrumento para expresar a diversidade da sociedade e que fai un chamamento ás emisoras para que sirvan a comunidades diversas e ofrezan unha ampla variedade de programas e contidos.

Fuente Crtvg.es