A rodaxe de ‘3 Camiños’ continúa esta semana pola provincia de Lugo

0
4

Santiago, 09.06.2020.-  A serie ‘3 camiños’ continúa esta semana a súa rodaxe en Galicia. Tras gravar no Cebreiro, esta produción internacional participada pola TVG situará as súas tramas ata o venres na zona de Samos, Triacastela e Portomarín. Nesta etapa, a serie conta coa nova incorporación da actriz mexicana Cecilia Suárez, moi coñecida polo seu papel en ‘La casa de las flores’.

O plan da rodaxe, alterado polas distintas fases de desescalada que afectan as comunidades polas que transcorre o Camiño, levará o equipo de ‘3 camiños’ a próxima semana ata Castela e León, para regresar no mes de xullo a terras coruñesas, onde estará preto de 20 días gravando en Compostela e arredores, e finalizará a serie en Fisterra.

Suárez únese así a un elenco encabezado por Álex González, Verónica Echegui, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Lee. ‘3 camiños’, subvencionada pola Xunta coa intención de fomentar e difundir o fenómeno xacobeo e os valores do Camiño de Santiago de cara ao vindeiro ano santo, é unha serie orixinal de seis capítulos, producida pola galega Ficción Producciones e dirixida polo ourensán Norberto López Amado, que se estreará na plataforma de Amazon a comezos de 2021 e se emitirá, a continuación, na Televisión de Galicia.

Coa peregrinación a Compostela como nexo común, ‘3 camiños’ é unha serie sobre a amizade e a vida, que narra a viaxe de cinco peregrinos a través de tres etapas vitais moi diferentes. Os protagonistas coñeceranse por casualidade no ano 2000 e crearán un vínculo de amizade que se manterá no tempo. En 2006 retoman o Camiño, novamente, cada un coas súas circunstancias e cos problemas e conflitos propios da vida adulta. E finalmente, en 2021, volven realizar o Camiño, aínda que agora dunha nova forma, coas súas vidas xa encamiñadas. A serie gravouse xa noutras comunidades autónomas e en países como México, Alemaña e Corea do Sur, e viaxará tamén a Portugal, para retratar o pasado e presente dos personaxes desta ficción.

                                                         #Coidémonos

Fuente Crtvg.es