A Segunda B é esta fin de semana protagonista da programación deportiva da Radio Galega

0
6

Santiago, 14.01.2021.-   Esta fin de semana chega sen fútbol de Primeira e Segunda División, xa que se vai desenvolver unha nova eliminatoria da Copa do Rei, na que o fútbol galego xa non ten representación. A Segunda B será, polo tanto, o eixe central da programación da Radio Galega.

O venres, ás 20.30 h, Paco Santos analizará a última hora da xornada no ‘Galicia en Goles’, que dedicará a primeira parte a dúas retransmisións en directo: o baloncesto feminino, co Ensino-Zaragoza, e o amigable de balonmán Cisne-Novás.

O sábado, desde as 15.00 h, o Compostela-Unionistas será o partido destacado, coa visita do líder ao Vero Boquete. O encontro de baloncesto Oviedo-Ourense e as competicións femininas de fútbol, fútbol sala e balonmán tamén terán presenza durante a tarde. Ás 20.30 h, tras o remate da xornada, comezará unha edición extraordinaria do faladoiro.

Xa o domingo, ás 12.00 h, o Celta B-Guijuelo ocupará a faixa matinal, xunto aos encontros adiantados da Terceira e o baloncesto LEB, co Valladolid-Breogán. Desde as 15.00 h, o Salamanca-Deportivo, o Pontevedra-Rácing de Ferrol e o Zamora-Coruxo serán os partidos centrais da tarde, ademais da xornada de Terceira.

Polo demais, a fin de semana traerá, da man de Alfonso Pardo, o ‘Convivir Deportivo’, o sábado ás 13.00  h, desta volta desde Castroverde, a vila natal da campioa de tríatlon Aída Valiño. Ás 23.00 h, Rodrigo Pérez conduce ‘Gas a Fondo’, onde fará balance do papel dos pilotos galegos que compiten no Dakar. E ás 23.30 h, Toni López continúa dando valor no ‘Galicia en Toquio’ ao traballo dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos.

O domingo, a última hora do día está protagonizada por ‘Ao Contraataque’, a mesa de debate en que Pedro Pablo Alonso analiza xunto a cinco especialistas os resultados dos equipos galegos na xornada.

Fuente Crtvg.es