A segunda fase da 2ª B arranca esta fin de semana nos medios públicos galegos

0
33

Santiago, 02.04.2021.-    O deporte non descansa esta Semana Santa na G2, que lle prestará especial atención ao comezo da nova fase na Segunda División B. A primeira retransmisión que se ofrecerá o sábado será Celta B-Valladolid B (16.00 h), partido da fase de ascenso a Segunda División, unha miniliga con seis equipos que concluirá a fin de semana do 8 e o 9 de maio. O filial vigués, que amosa a súa mellor versión neste comezo de 2021, veralles a cara na primeira xornada aos de Javi Baraja. Os de Onésimo comezan con 30 puntos esta segunda fase, o mesmo que o equipo branco e violeta.

A continuación, será o momento de ver o partido S. D. Compostela-C. D. Numancia, cuxa segunda metade ofrecerá a G2 a partir das 18.00 h. Os dous conxuntos xogarán nesta segunda liguiña por obter un dos postos que dan opción a xogar a vindeira temporada na Primeira División RFEF ou Segunda B Pro, de nova creación, unha categoría que estará composta por 40 equipos.

O balonmán feminino será o seguinte protagonista da tarde do sábado, coa retransmisión en directo, a partir das 19.00 h, do partido de volta da semifinal da Copa EHF, que disputarán o Rincón Fertilidad Málaga e o Mecalia Atlético Guardés. No partido de ida, o equipo malagueño venceu o conxunto galego por 18-23, situándose así a un paso da final da competición continental.

A xornada deportiva do domingo arrancará ás 12.00 h coa retransmisión do partido de 2ª B entre o Coruxo F. C. e o Spórting de Xixón B, coa permanencia na categoría en xogo. O Coruxo arranca a un punto do dúo de líderes e ten que facerse cunha das dúas primeiras prazas para conseguir quedar na Segunda RFEF.

Xa pola tarde, en ‘A Liga das Cidades’, retransmitirase o Rácing de Ferrol – U. P. Langreo (17.00 h), outro dos partidos cos que arranca a segunda fase da Liga en 2ª B, en que os ferroláns pelexarán por acabar entre os dous primeiros do seu grupo e xogar así a vindeira campaña na nova Primeira División da Federación Española de Fútbol.

Ademais de establecer conexións en directo co partido Pontevedra C. F.-C. D. Covadonga,  a primeira cita dos de Luisito no novo grupo pola permanencia, o espazo da G2 ofrecerá  íntegro o duelo entre o Deportivo e o Marino de Luanco, a partir das 19.00 h. Os coruñeses acabaron a primeira fase como cuartos clasificados do subgrupo 1A, polo que xogarán no grupo intermedio por manterse na terceira categoría.

Fuente Crtvg.es