A serie da TVG ‘Os Bolechas’ renova por dúas temporadas máis na televisión pública portuguesa, onde leva emitíndose cinco anos

0
47

Santiago, 18.02.2020.-     A popular serie da TVG ‘Os Bolechas’ está de parabéns por partida dobre. En plena celebración do seu 20 aniversario, acaba de renovar por quinto ano consecutivo, e por dúas temporadas máis, na televisión pública portuguesa, onde se emite a diario baixo o nome de ‘Os Bochechas’.

En xaneiro de 2015 chegaba a Portugal a serie coa que ‘Os Bolechas’ triunfaban xa, desde había tres anos, na Televisión de Galicia. O seu éxito trasladouse de inmediato ao país veciño, onde a popular familia xa era coñecida grazas aos máis de cen libros publicados en portugués.

Ao igual que en Galicia, a emisión das aventuras destes queridos personaxes na Radio e Televisão de Portugal (RTP) supuxo un novo impulso do proxecto, que se traduciu en novas propostas editoriais, concursos de enorme éxito a nivel nacional con milleiros de participantes e na renovación da serie temporada tras temporada.

Este quinto aniversario na RTP coincide con outra celebración moi especial: o 20 aniversario dos Bolechas. Non podía imaxinar Pepe Carreiro no ano 2000, cando publicou a primeira historia, que a súa familia se convertería nun éxito sen precedentes para a cativada galega e nun referente cultural. Desde aquela primeira historia van máis de 650 títulos publicados, ademais de numerosos produtos audiovisuais e dixitais, espectáculos, pasacalles e infinidade de actividades didácticas específicas para o alumnado de Educación Infantil e Primaria de Galicia.  

Desde que comezaron a publicarse, os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno cultural en Galicia, onde forman parte xa da memoria colectiva de varias xeracións. Teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa. Neste éxito resultou esencial a capacidade de reunir diversión e formación en todas as propostas da popular familia, converténdoa nun excelente medio para achegarlle á poboación infantil valores universais, pero tamén coñecementos achegados á nosa cultura. E todo na lingua propia de Galicia. Isto complementouse coa serie de televisión creada en 2012, que deu lugar despois a outros contidos audiovisuais específicos.

Sorpresas para o 20 aniversario

Para rememorar os clásicos e gozar das novas propostas, ‘Os Bolechas’ preparan unha chea de sorpresas neste 20 aniversario. A primeira foi a reedición de catro das primeiras historias nun libro que inclúe un código de descarga para escoitalas en formato audioconto, unha nova forma de achegarse aos Bolechas que fomenta a imaxinación e a inclusión sen perder a esencia da popular familia. En breve sairán novos volumes desta colección, cada un con outros catro títulos daquelas primeiras aventuras ideadas por Pepe Carreiro e moitas outras sorpresas coas que celebrar estes 20 anos de éxitos.

Fuente Crtvg.es