‘A tarde’ aposta polo humor este mes de agosto, coa fichaxe de Pepo Suevos e Lucía Veiga

0
4

Santiago, 3.8.2022.-  O programa ‘A tarde’ da Radio Galega non só non pecha por vacacións en agosto, senón que fará que os oíntes pasen un verán inesquecible, na compaña do mellor humor ‘made in Galicia’ e coa incorporación como colaboradores dunhas recoñecidas figuras da comedia: Pepo Suevos e Lucía Veiga e Marita Martínez, dúo artístico que dá vida ás Hermanas Izquierdo.

O magazine das tardes da emisora pública que, de luns a venres (16.00-19.00 horas), adoita nutrirse de contidos ao fío da actualidade, converterase este mes nun espazo en que primará a diversión e a troula, co xornalista Carlos Reboreda como mestre de cerimonias. A improvisación, a retranca e a comicidade serán os ingredientes principais que empreguen en cada unha das súas intervencións os novos colaboradores.

Así, o coñecido artista ferrolán Pepo Suevos fará gala da súa capacidade creativa para meterse na pel de hilarantes personaxes, realizar entrevistas a artistas moi populares ou achegar festas e efemérides do máis curiosas. Pola súa parte, as Hermanas Izquierdo desenvolverán con moita comicidade as seccións ‘Condenado verán’, onde ironizarán sobre as situacións insoportables que supón o estío para a xente que non ten vacacións, e ‘Aqueles marabillosos veráns’, con entrevistas a recoñecidos personaxes galegos.

Ademais destas novas fichaxes, ‘A tarde’ conta tamén este mes coas achegas dos seus colaboradores habituais: o experto en tecnoloxía Marcus Fernández, a bióloga Xiana Albor, Manuel de Lorenzo e as súas curiosidades e historias alucinantes, o doutor Luis Prieto para descubrir os mecanismos neurolóxicos, clínicos e eléctricos do amor, Carlos Fernández mergullará a audiencia na natureza galega máis máxica, e Moncho Lemos levará a cabo un desafío musical xeracional arredor das mellores cancións do verán.

Fuente Crtvg.es