A Televisión de Galicia preestreou en Santiago a súa nova comedia, ‘Do Dereito e do Revés’

0
7

Santiago, 26.11.2019.-    A Televisión de Galicia presentou este martes, cunha preestrea no Auditorio Abanca de Santiago, a súa nova serie, ‘Do dereito e do revés‘, unha comedia sobre galegos que precisan un avogado. Producida por Think First para a TVG, conta con guións de Xosé Cermeño, creador da mítica ficción ‘Pratos combinados’. Á festa de presentación, en que se proxectou o primeiro capítulo, acudiu o elenco ao completo da serie e caras coñecidas da canle autonómica.

Esta comedia inclúe a presenza de tres xeracións de mundos moi distintos que axudan a disparar os conflitos en todas as direccións, todo isto con ironía, pingas de tenrura e humor branco. A nova aposta da TVG tratará asuntos de contido familiar que lle achegarán á audiencia personaxes, escenarios e ambientes vinculados á vida común da xente de Galicia.

A trama desta serie desenvólvese a partir de que Adela, unha muller madura, volve á vila onde ten as súas raíces familiares e algunhas propiedades. Alí está o seu fillo, Moncho Patiño, un avogado sen moito éxito, separado de Sara, unha muller con iniciativa e dona dun ximnasio de artes marciais. Moncho vive coa filla de ambos, Lucía, que ten unha web de información local. Moncho non é demasiado malvado, nin parvo de todo, pero é menos listo do que el pensa. E iso é un problema para un avogado que ten a súa fonte de traballo nos conflitos e problemas dunha vila.

Dirixida por Manuel Espiñeira, premio Mestre Mateo á Mellor Dirección por ‘Serramoura’, ten como protagonistas os actores Víctor Fábregas, Susana Sampedro, Sergio Pazos, Xoel Fernández, Casilda Alfaro, Alberte Montes e Alicia Armenteros.

Fuente Crtvg.es